Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presenta a súa candidatura ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino

Xuntanza Xeodestino

Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presenta a súa candidatura ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino

Co Plan de Sostibilidade Turística do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño “Despensa de Galicia” aspírase a obter ata 2,5 millóns de euros para darlle pulo á transformación do modelo turístico do territorio baseado no potencial da súa enogastronomía.

 

O plan foi froito dun proceso participativo que contemplou diversas reunións cos ámbitos público e privado do ecosistema turístico dos 14 concellos, así como unha enquisa que contou cunha ampla resposta por parte de todos os grupos de interese implicados.

O programa de Planes de Sostiblidade Turística en Destino (PSTD) é unha oportunidade única para financiar actuacións transformadoras e de calado suficiente como para converter a Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e rendible para as súas empresas. O que se pretende é poñer a punto a oferta turística local, co obxectivo de atraer a un turismo de alto valor engadido baseado na calidade e na sostibilidade.

No ámbito da transición verde, o plan impulsará actuacións de rexeneración de espazos de gran valor ambiental, así como de adecuación e rehabilitación de infraestruturas turísticas para a súa adaptación ao cambio climático. Este eixo inclúe tamén accións para mellorar a xestión de residuos nas festas gastronómicas do xeodestino, así como a creación dunha rede de miradoiros.

Para unha maior eficiencia enerxética do destino farase fincapé na mobilidade sostible, mediante a instalación de puntos de recarga eléctrica, o reforzo da rede de sendeiros homologados e a creación de itinerarios cicloturistas no contorno de recursos gastronómicos. Ademais, acometeranse proxectos de iluminación monumental de elementos significativos do patrimonio histórico do xeodestino. Este eixo complétase cun servizo de asesoramento a empresas turísticas para que reduzan o seu consumo enerxético e, por conseguinte, a súa pegada ambiental.

Para avanzar na dixitalización do destino reforzarase a estratexia de marketing dixital con novos contidos e formatos, principalmente de temática enogastronómica. Ademais, optarase por solucións intelixentes para a mellora da sinalización turística e desenrolaranse contornos de realidade aumentada e virtual para enriquecer e mellorar a interpretación do patrimonio material e inmaterial vencellado á enogastronomía.

O plan pretende tamén canalizar esforzos cara o sector privado na busca dunha maior competitividade e de consolidar ao turismo como motor de desenvolvemento económico. Ademais de accións de apoio ao sector privado, inclúese a creación de espazos promocionais e unha programación cultural recorrente ao longo e ancho de todo o xeodestino. Isto complementarase cunha actuación específica de turismo industrial, que fomentará a creación de rutas e experiencias arredor de elementos do patrimonio enogastronómico do territorio.