23 Sep Un ciclo de concertos cos que maridar música, viño e gastronomía por todo o territorio
EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan a segunda edición do programa ‘Música e viño no Teu Camiño’
A iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsada pola Xunta de Galicia ao abeiro do Xacobeo 21-22
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quentan motores para celebrar a segunda edición do proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’, unha iniciativa que forma parte do programa O Teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia e que ten por obxectivo xerar espazos de encontro e de lecer entre a veciñanza, visitantes e peregrinas e peregrinos que estean a facer o Camiño de Santiago nesta época do ano. Unha unión que se realizará dun xeito diferente, con concertos por todo o territorio de EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local.
Deste xeito o vindeiro mes de outubro arranca un ciclo de actuacións musicais totalmente gratuítas e ao aire libre que se celebrarán en sesión vermú ás 13.00 horas ou en sesión de tarde a partir das 19.00 horas. Organizaranse en espazos creados para fomentar as experiencias positivas arredor da música e dos produtos de todo o territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos.
Esta segunda edición arrancará o vindeiro 1 de outubro con sesión dobre pola mañá na Guarda e pola tarde en Nigrán, para continuar o seu percorrido polo territorio con concertos ese mesmo domingo 2 de outubro en Baiona, o sábado 8 no Rosal e Pazos de Borbén e o domingo 9 en Tomiño. A Mos chegará o venres 14, a Redondela o sábado 15 de outubro e a Soutomaior e Tui o domingo 16. O ciclo rematará a última fin de semana de outubro con concerto no Porriño (venres 21), Oia (sábado 22) e Gondomar (sábado 22).
Dende EuRural e o Xeodestino anímase a toda a veciñanza dos concellos do noso territorio a achegarse ata os distintos escenarios e desfrutar de mañás e tardes con sabor a música e viño.