Un bosque comestible para un turismo sostible en Pazos de Borbén

Un bosque comestible para un turismo sostible en Pazos de Borbén

Galicia Suroeste e Concello poñen en marcha un proxecto pioneiro na contorna da Levada de Casqueiros para a rexeneración do espazo ambiental e a promoción de novos produtos turísticos sustentables

 

Unha nova vida brotará na contorna da Levada de Casqueiros, en Pazos de Borbén. Galicia Suroeste e Concello porán en marcha un proxecto innovador que combina rexeneración ambiental con protección do patrimonio natural e da biodiversidade e un turismo sostible: un bosque comestible que será exemplo de equilibrio entre o desenvolvemento rural e o coidado da paisaxe. Asentado sobre un terreo de marcado carácter forestal, este bosque permitirá rexenerar unha parcela infrautilizada empregando ferramentas de agroecoloxía, permacultura e deseño hidrolóxico, recuperando a biodiversidade autóctona con especial atención a especies con potencial comestible que permitan a súa posta en valor para a promoción de novos produtos turísticos sostibles.

O proxectos, que se asinará durante o mes de decembro, contará cun investimento de case 45.000 euros financiados de forma íntegra por Galicia Suroeste no marco das actuacións de protección da natureza, a biodiversidade e o patrimonio natural do Xeodestino do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’ ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos europeos Next GenerationEU.

O obxectivo deste proxecto pioneiro é crear un espazo de valor natural e paisaxístico pero tamén de aprendizaxe e exemplo que atraia a visitantes e fomente a sustentabilidade. Como sinala a presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, “este bosque comestible non só é un paso cara á recuperación do patrimonio natural, senón que tamén é unha aposta por un modelo sostible que valora o monte do noso territorio máis alá da madeira. Queremos que sexa un exemplo de como coidar a nosa natureza pode ir da man do desenvolvemento local e do turismo sostible”.

Para o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, este proxecto permitirá transformar unha contorna infrautilizada “nun espazo de rexeneración ambiental e de recuperación da biodiversidade, pero tamén nun activo cultural que permita potenciar as multifuncionalidades do noso xeodestino e amosalo como fonte de alimento e de recursos gastronómicos, de lecer e tempo na natureza ou de benestar para veciños e veciñas e para visitantes”.

O proxecto desenvolverase nunha parcela de 0,4 hectáreas no Lugar Riba do Eido, na que se levarán a cabo diferentes accións para mellorar as condicións do solo forestal para conseguir que sexa máis fértil e poder captar auga creando unha barreira natural de infiltración coa vexetación. Empregando o método Miyawaki plantaranse árbores nativas para replicar os procesos de rexeneración natural dos bosques e deseñaranse 10 illas de fertilidade de 100 metros cadrados cada unha intercaladas no terreo nas que se implementarán árbores de alta densidade e diversidade. Ademais, entre as liñas de infiltración e estas illas de fertilidade se plantarán especies de dosel, de gran porte no futuro e cunha densidade moito menos, e se manterán zonas despexadas no terreo que actúen como freo en caso de incendio forestal.