03 Jun ‘Son Rural’ para achegar actividades lúdicas innovadoras no Rosal
O programa Leader financiou con máis de 37.000 euros esta iniciativa pioneira no Baixo Miño que supuxo a creación de dous novos postos de traballo para xente moza
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural continúa coa súa aposta polo desenvolvemento rural a través do apoio a novos proxectos que inciden directamente na dinamización económica dos 13 concellos do seu territorio. A presidenta de Eu Rural, Sandra González, e a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitaron este venres o espazo de ‘Son Rural’, un dos proxectos financiados a través da última convocatoria do Programa Leader.
Acompañadas da promotora do proxecto, a rosaleira Sara Otero, coñeceron de primeira man esta iniciativa pioneira no Baixo Miño coa que se creou un novo servizo de actividades lúdicas diferentes e innovadoras para nenos e nenas e as súas familias, enfocadas a fomentar o deporte, a creatividade, a imaxinación e a unidade familiar. As actividades, ademais, van dirixidas a mellorar os factores de adaptación dos menores, así como das súas familias.
A presidenta de Eurural destacou “o valor de iniciativas como a que puxo en marcha esta valente emprendedora, proxectos que dan resposta a necesidades aínda non cubertas no noso rural e que axudan a crear novas oportunidades”. Oportunidades que en ‘Son Rural’ se traducen na creación de dous novos postos de traballo para persoas mozas, un o da propia promotora, unha muller de 26 anos nada e criada na contorna. “É un orgullo ver a iniciativa que ten a nosa mocidade para sacar adiante ideas innovadoras que sen dúbida darán un gran servizo á comarca”, explicou a rexedora rosaleira.
Para a posta en marcha do proxecto investíronse case 178.000 euros que se destinaron á adquisición do inmoble e ao seu acondicionamento, á dotación de equipamentos para a realización de rutas como bicicletas e material deportivo, á instalación dunha carpa para realizar eventos e equipamento e maquinaria para a xestión e mantemento das instalacións.
O proxecto obtivo unha puntuación de 72 na concorrencia competitiva da convocatoria Leader 2021/2022, que confinanciou máis de 37.000 euros a través de axudas FEADER no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) a través da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade colaboradora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dependente da Consellería de Medio Rural, para a xestión da medida Leader nos concellos do territorio.