17 Jun Os GDR poñen en marcha unha campaña para dinamizar o medio rural
‘O rural vive. Vive o rural’ busca promover iniciativas para poñer en valor a riqueza e os atractivos do territorio rural galego e contribuír á súa reactivación económica e social na era post COVID-19
Os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia veñen de poñer en marcha ‘O rural vive. Vive o rural’, unha campaña coa que se busca contribuír á dinamización do territorio rural galego e á súa reactivación económica e social tras o parón sufrido pola crise sanitaria por mor do coronavirus.
Para levar a cabo a campaña, os GDR mobilizarán nos vindeiros meses máis de 900.000 euros achegados pola Consellería de Medio Rural a través do programa europeo Leader para realizar diferentes iniciativas e proxectos cos que reivindicar o protagonismo do rural e para darlle un novo pulo á posta en valor da súa riqueza e dos seus atractivos.
Serán arredor de 40 accións específicas coas que dar impulso a sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o comercio local… ou promover iniciativas relacionadas co medio ambiente, accións pensadas para axudar a pequenas e medianas empresas que dan servizos nas áreas rurais ou para promover a divulgación de todo o que se fai nese medio e o papel da muller no agro.
Os GDR galegos levan máis de 30 anos traballando para xestionar as axudas europeas achegadas a través dos fondos da Medida Leader e só entre 2017 e 2020 favoreceron investimentos no campo galego por valor de máis de 123,5 millóns de euros. Estas subvencións permitiron levar adiante 1.420 proxectos a través dos que se favoreceron 685 postos de traballo e se consolidaron case outros 2.500 que xa había no rural.