01 Mar Os concellos do Grupo de Desenvolvemento Eu Rural únense para conmemorar o 8M
Co gallo do Día Internacional da Muller, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural difundirá o vídeo ‘Nos espellos’, realizado ao abeiro do taller ‘Namórate de ti’ en Mos. Esta peza audiovisual servirá como material didáctico para que os centros de ensino traballen esta temática
Os 13 concellos que forman parte do territorio da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural únense este mes de marzo pola igualdade. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, o grupo de desenvolvemento rural porá en marcha unha campaña a través da súa web e das redes sociais coa que continuar dando pasos cara a visibilización da muller e na loita contra a desigualdade de oportunidades por cuestións de xénero.
Farao coa difusión do vídeo ‘Nos espellos’, unha peza audiovisual que recolle a historia das participantes na última edición do obradoiro ‘Namórate de ti’ celebrado o pasado ano en Mos e no que elas relatan en primeira persoa as súas experiencias, as súas historias de vida e os seus esforzos por superar as dificultades coas que se atoparon. Durante toda esta semana Eu Rural irá publicando nas súas redes diferentes pílulas promocionais para difundir o vídeo íntegro o luns 8 de marzo, coincidindo co Día da Muller.
Por outra banda, este vídeo poderá servir como material didáctico a empregar nos centros de ensino dos concellos do territorio (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) para traballar co alumnado nas aulas calquera temática relacionada co 8M.
Malia que cada municipio conta con actividades propias para conmemorar o 8M, tamén se implicaron nesta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos.