24 Nov Os concellos de Eu Rural únense na loita contra a violencia de xénero
Os municipios do territorio colgarán unha pancarta en conmemoración do 25N e repartirán chapas coa imaxe deseñada polo grupo de desenvolvemento rural
Os concellos do grupo de desenvolvemento EuRural únense un ano máis na loita contra a violencia de xénero. Súmanse nesta ocasión á campaña posta en marcha por EuRural para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que contempla accións coordinadas para darlle visibilidade a un problema que se incrementa de forma exponencial en tempos de crise, como a pandemia, as recentes crises humanitarias, os conflitos ou os desastres climáticos.
Para esta campaña, EuRural creou un deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Os concellos colgarán unha lona conmemorativa da campaña, que tamén se dará a coñecer á veciñanza co reparto de chapas coas que lembrar unha data tan sinalada.
A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, os concellos comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade e contra a violencia de xénero.
Estas accións enmárcanse dentro das actividades do proxecto ‘O rural contra a violencia de xénero’, coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, e que conta coa colaboración da Consellería do Medio Rural, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
A campaña contou con máis de medio cento de actividades que se desenvolverán ata o vindeiro 25 de novembro en todos os concellos dos 24 GDR galegos e tivo como evento principal unha andaina simultánea en toda Galicia o pasado 13 de novembro. Máis de 300 persoas, veciños e veciñas do territorio, acompañaron a EuRural nesta actividade que se celebrou en Mos e que rematou coa lectura dun manifesto.