09 Nov O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño involucra a todo o turismo do territorio cunha nova xornada de traballo en Oia
Os principais operadores de turismo e axencias de receptivo galegas participarán neste workshop o vindeiro 21 de novembro
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño avanza no seu traballo por tecer lazos para promocionar o territorio de xeito unido e dende todos os sectores. Neste camiño, o vindeiro martes 21 de novembro organiza a cuarta edición do seu workshop para empresas turísticas, unha xornada de traballo en rede que servirá para poñer en contacto a entidades turísticas con empresas doutros sectores dos 14 concellos do territorio.
Nesta cuarta edición, participarán os principais touroperadores e axencias de receptivo galegas, que se darán cita no Hotel Talaso Atlántico de Oia a partir das 17.00 horas para tecer unha rede de traballo e fomentar a creación de paquetes e produtos turísticos que involucren á oferta turística e ao sector terciario.
A colaboración coas axencias de viaxe que posúen unha ampla experiencia na comercialización de produtos turísticos a nivel nacional e internacional permitirá facilitar o acceso das empresas turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ás canles de comercialización e promoción máis relevantes.
Durante a xornada, de hora e media de duración aproximadamente, disporanse mesas de traballo nas que as diferentes empresas que participen poderán establecer contactos comerciais cos operadores de receptivos galegos. Tras o workshop servirase un cóctel degustación con produtos do territorio no que as persoas participantes terán a oportunidade de seguir intercambiando impresións.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do venres 17 de novembro a través da páxina web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.