O Xeodestino renova a súa marca para impulsar un turismo máis competitivo 

O Xeodestino renova a súa marca para impulsar un turismo máis competitivo 

Natureza, sostibilidade e enogastronomía únense para ofrecer unha nova forma de viaxar nesta acción realizada ao abeiro do PSTD A Despensa de Galicia

Autoridades e axentes do territorio déronse cita na Guarda nun evento de networking co que fomentar as sinerxías para unha oferta turística de calidade

 

Con paixón e respecto polo territorio, o Xeodestino renova a súa marca e dá un paso decisivo na súa transformación cara a un destino turístico máis competitivo e de referencia. Alcaldesas, alcaldes e edís dos 14 concelllos do Xeodestino participaron nun evento de networking de lanzamento da marca con diferentes axentes do territorio nunha acción encadrada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’, un programa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo financiado con fondos europeos NextGenerationEU co que promover intervencións integrais para crear destinos turísticos sostibles e resilientes fronte aos efectos do cambio climático.

O evento marcou un antes e un despois para o Xeodestino, unha nova marca cunha imaxe fresca, auténtica, orgánica e amable que agora baixo o nome de Galicia Suroeste busca atraer a viaxeiras e viaxeiros a través de experiencias únicas que combinen natureza, patrimonio, enogastronomía e calidade nos 14 paraísos naturais do territorio. Construír unha nova forma de viaxar, activa e actualizada, na que o Xeodestino sexa o gran protagonista.

Un traballo conxunto que destacou o alcalde A Guarda, Roberto Álvarez Carrero, que sinalou que “xerar sinerxías entre os concellos, compartir experiencias e dinámicas e traballo sempre é positivo. Levamos moitos anos traballando nesta aposta expresa polo turismo de proximidade para converter o Xeodestino nun destino de referencia para Galicia e para España”.

A presidenta de EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia do evento celebrado, “un acto importante porque nos rebautizamos para ter un nome máis inclusivo, tamén no noso nome. A nova marca é máis acaído, máis dinámico, moderno e incluso comercial, xa que un dos nosos obxectivos é precisamente vender o noso territorio”.

Pola súa banda, a representante institucional do Xeodestino e alcaldesa de Oia, Cristina Correa, explicou a importancia de accións como esta nacidas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, “unha oportunidade única para converter o territorio nun punto turístico de referencia en canto a calidade e sostibilidade,  potenciando e preservando o noso valioso patrimonio natural e cultural sen esquecer a nosa gastronomía. Traballamos nunha estratexia común para unir esforzos e recursos procurando dar a coñecer o territorio de xeito coherente e atractivo, maximizando as nosas accións”.

O acto tamén contou coa participación do Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; co Xefe Provincial en Pontevedra da Axencia de Turismo de Galicia, Felipe Ferrero; e coa deputada de Turismo Nava Castro. 

Durante a xornada, as diferentes empresas locais cun papel fundamental na creación de produto turístico interesante para ofertar no Xeodestino tiveron a oportunidade de participar en dinámicas de networking, fomentando sinerxías e colaboracións que garantan a excelencia nas experiencias ofrecidas e sitúen á enogastronomía como elemento motivador para visitar o destino. O encontro rematou cunha acción promocional arredor dos produtos e a enogastronomía locais e de tempada, priorizando os produtos ecolóxicos e de proximidade, mellorando a trazabilidade da cadea de valor turística, o respecto ao medio ambiente, a optimización da xestión de residuos e a minimización do desperdicio alimentario. 

O evento, celebrado nas instalacións da asociación de redeiras Atalaia, tamén marcou un fito para a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural ao tratarse da primeira actividade 100% sostible da entidade. Xunto ao produto local e de tempada, durante o encontro empregáronse recipientes compostables e outros elementos artesanais reutilizables e creouse unha zona de reciclado, entre outras accións. Un compromiso firme para levar a cabo prácticas sostibles ambiental, social e economicamente que reflicten o futuro cara ao que camiña tanto EuRural como o Xeodestino Galicia Suroeste, un destino sostible, innovador e cheo de oportunidades para quen o visita. Durante o encontro, os integrantes de Papelier, Ramón e Noelia, desvelaron os detalles dunha caixa de agasallo realizada integramente de forma artesanal que se lle entregou a todas e todos os participantes.

Con esta nova marca, o Xeodestino Galicia Suroeste está preparado para ser un referente no turismo sostible, ofrecendo experiencias que combinan a esencia de Galicia coa excelencia en servizos e a beleza natural e patrimonial do territorio.