14 Jul O rural pon en valor a súa gastronomía máis alá das súas fronteiras con Eurochef
Trátase dun proxecto de cooperación transnacional Leader coordinado por Eurural cos grupos de desenvolvemento rural Terras de Pontevedra Norte e Bucovina du Monte
Poñer en valor os produtos gastronómicos dos territorios rurais, potenciado o consumo local a través de novas elaboracións e fusións con outras cociñas e, ao mesmo tempo, dalos a coñecer máis alá das fronteiras, e crear novos mercados de forma directa noutros países. Ese é o obxectivo co que nace ‘Eurochef: European Show cooking – Sharing Gastronomy and Experiences (Eurochef: Showcooking europeo – Compartindo gastronomía e experiencias)’, un proxecto de cooperación transnacional Leader coordinado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural coa Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte e a Asociatia Grup de Actiune Locala de Bucavina de Munte de Romanía como socios.
O proxecto conta cun importe total de 300.000 euros, dos que os orzamento dos grupos de desenvolvementos galegos é de 112.000 euros, dos que o 90% son financiados pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.
“Neste proxecto non só concibimos a gastronomía como un elemento fundamental do desenvolvemento local, senón que ao mesmo tempo o transformamos nun produto que nos permita poñer en valor os recursos dos territorios mediante a dinamización turística”, explicou Sandra González, presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, durante o acto de presentación do proxecto.
Eurochef permitirá aos tres socios poñer en marcha unha simbiose perfecta entre turismo e gastronomía. “Somos comarcas cunha gastronomía rica e temos magníficos e magníficas profesionais da restauración, xente nova que é unha referencia. E cada vez hai máis persoas dispostas a desprazarse quilómetros para poder desfrutar dos nosos pratos. Así que, tendo produtos de primeira calidade e quen os transforme de xeito diferente, é algo natural poñer en marcha esta simbiose entre gastronomía e turismo”, sinalou José Crespo, presidente da Asociación de Desenvolvemento Terras de Pontevedra Norte e rexedor de Lalín. Na presentación tamén estiveron presentes de forma telemática Monica Prumdeam y Alina Cretu, técnicas da asociación romanesa.
Este proxecto nace tras o éxito da experiencia obtida con ‘Un chef no rural’, un proxecto de animación e difusión no territorio posto en marcha por Eurural no que se concienciaba á poboación da importancia de consumir produto local e de proximidade ao tempo que se poñía en valor o patrimonio rural e a paisaxe. A boa acollida deste proxecto propiciou que dende Eurural se apostase unha vez máis por este tipo de accións ampliando o territorio e colaborando con outros grupos de desenvolvemento rural coas mesmas inquedanzas, como son Terras de Pontevedra Norte e Bucovina du Monte.
Único proxecto transnacional de Galicia
Eurochef é o único proxecto de cooperación Leader aprobado en Galicia con carácter transnacional. Ademais, acadou a máxima puntuación na concorrencia con outras iniciativas presentadas a esta convocatoria enmarcada na Submedida 19.3 do PDR de Galicia 2014, resolta por Agader este 2021. A finalidade destes proxectos é fomentar a cooperación entre grupos de desenvolvemento rural de toda Europa con intereses en común e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos nos distintos territorios participantes.
Por primeira vez, esta convocatoria permite ter como socios colaboradores entidades alleas aos grupos de desenvolvemento rural, polo que Eurochef contará coa cooperación dos dous chefs que representarán ao territorio ao longo de todo o proxecto, Iván Méndez por parte de Eurural e Alex Iglesias de Terras de Pontevedra Norte, ambos presentes tamén no acto de presentación.
A eles súmanse os concellos de Rodeiro, Agolada, Forcarei, Silleda e Vila de Cruces e as empresas La Torta S.L, Mirabel do Rosal, Pazo Valdomiño, Kiwi Atlántico, Hermanos Cabanas de Lalín, Gastro Galicia, Rivero Alimentación e adegas Castrorey, aos que os socios do proxecto queren agradecer a súa colaboración e participación.
Arranque na Feira do Viño do Rosal
Eurochef estrearase por todo o alto esta mesma fin de semana. Os chefs Iván Méndez e Alex Iglesias levarán o seu bo quefacer a Feira do Viño do Rosal o vindeiro sábado 17 de xullo, onde protagonizarán un showcooking no que se realizarán elaboracións e demostracións combinando produtos de ambos territorios, realizando elaboracións sorprendentes nas que o produto e a orixe son os protagonistas.
Ao longo de 2021 e 2022 Eurochef estará presente tamén en outras actividades de nivel local; no Salón de Alimentación do Atlántico 2021 (SALIMAT), coincidindo coa Semana Verde de Galicia; en varios eventos gastronómicos de importancia en Rumanía; ou nunha das maiores feiras de alimentación a nivel internacional como é Madrid Fusión 2022, entre outros.