O 'Música e Viño no Teu Camiño' estrea logo

O ‘Música e Viño no Teu Camiño’ estrea logo

Foi elixido por votación popular a través da páxina web de Eurural co 41% dos votos do público

O sábado 4 de outubro Redondela acolle o primeiro evento do proxecto: concerto de The Soul Jacket e espazo gastronómico con produtos locais e viños DO Rías Baixas subárea O Rosal

O proxecto ‘Música e Viño no teu Camiño’ xa ten logo. Tras unha votación popular a través da web da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, os veciños e veciñas do territorio do GDR 14 escolleron por maioría o logo que representará ao proxecto durante a súa andaina. Trátase dunha imaxe que aglutina á perfección todo o que representa este proxecto, cun pentagrama no que se recollen tamén as frechas do Camiño e sobre o que se posa un acio de uvas semellando notas musicais. As cores tamén son identificativas: os azuis do programa O teu Xacobeo ao que pertence o proxecto e o amarelo das sinalizacións do Camiño de Santiago.

Este logo conseguiu o 41% dos votos, case o dobre que a segunda proposta máis votada (22,2%) e moi por riba das tres imaxes restantes (empate co 14,8% e un 7,4%). Todas as propostas participantes na votación, así como os resultados, poden consultarse no apartado do proxecto na web de Eurural.

Tres cidades, tres eventos

O proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’ é unhainiciativa que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural porá en marcha o vindeiro mes de outubro ao abeiro do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo é crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui.

Deste xeito, o vindeiro mes de outubro, estes municipios acollerán un concerto musical ao aire libre e totalmente gratuíto que será o eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños con D.O. Rías Baixas subárea do Rosal e desfrutar da gastronomía local a prezos populares. Os eventos celebraranse nas seguintes datas:

  • 4 de outubro de 2019. Concerto de The Soul Jacket na Praza da Torre de Redondela.
  • 12 de outubro de 2019. Concerto de The Pretty Shirts na Praza do Reló de A Guarda.
  • 19 de outubro de 2019. Concerto de Best Boy na Praza de San Fernando de Tui.

 

Todos os eventos comezarán a partir das 20.30 horas e contarán coa presenza e participación confirmada das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda e Adegas do Vimbio.

Que é Eurural?

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural é a entidade sen ánimo de lucro responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio recoñecido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia como Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR14), que abarca 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.