O mes de Setembro chega a Eu Rural cargado de cursos do Itinerario Formativo “Coas Mans na Masa 2020 - 2021”

O mes de setembro chega a Eu Rural cargado de cursos do Itinerario Formativo “Coas Mans na Masa 2020-2021”

Os cursos que a Escola Eurural tiña previsto impartir a comezos deste 2020 retomaranse no mes de setembro deste ano

 

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural reactiva as actividades do Itinerario Formativo “Coas Mans na Masa 2020-2021” con novas datas de celebración no vindeiro mes de setembro.

Os cursos serán de balde, cunha participación máxima de 15 asistentes, en horario de tarde e cumprindo rigorosamente todas as medidas de seguridade, tanto nos lugares de celebración como coas medidas persoais que serán de obrigado cumprimento para poder participar no curso. Nesta ocasión, non se abrirán as inscricións aos cursos, pois a Escola conta cunha dilatada lista de agarda para todas as accións previstas, polo que se ten optado por utilizar esta lista de agarda e dar a oportunidade de participar a todas aquelas persoas que amosaron o seu interese a inicios de ano e que non contaron con praza nese momento.

Poderán participar nestas accións todas aquelas persoas interesadas que residan no ámbito de actuación da Escola Eurural, que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

A s accións formativas que completan o Itinerario de Eurural para o remate deste ano 2020 serán:

  • “Elaboración artesanal de Ungüentos Naturais”, acción formativa que pretende amosar aos alumnos e alumnas as posibilidades da nosa natureza máis próxima para elaborar pomadas, tinturas, bálsamos ou xabóns, entre outras moitas posibilidades. Estes cursos serán impartidos no Concello de Tui, os días 7 e 8 de Setembro, e no Concello de Baiona, os días 16 e 17 de Setembro.
  • “Elaboración artesanal de Conservas”, se achegará a Gondomar, coa celebración de dúas novas edicións desta acción formativa neste concello. A primeira quenda se impartirá os días 21, 22 e 23 de Setembro, e a segunda será os días 28, 29 e 30 de setembro de 2020. Nesta ocasión a Escola Eurural busca formar para engadir valor no mercado aos produtos do sector primario a través da súa transformación e comercialización.

A gran demanda destas accións formativas levadas a cabo en pasadas edicións, nas que houbo unha importante listaxe de agarda de persoas interesadas en participar, motivou que Eurural volvese a poñer en marcha a súa Escola e completar a planificación de accións formativas previstas para este ano 2020.

Eu Rural conta coa colaboración dos Concellos de Tui, Baiona e Gondomar para poder desenvolver estes cursos, posto que son as entidades que lle facilitan as instalacións e axudan activamente na información e divulgacións destas accións entre os colectivos e as persoas interesadas en asistir.