10 Ago O Curso de Cociña Creativa con Produto Local do Itinerario Formativo de Eu Rural “Coas Mans na Masa 2020” chegará tamén a Redondela este mes de Setembro
O curso impartirao o chef galego Iván Méndez, será de balde e estará orientado a persoas cunha actividade laboral ligada ao sector da hostalaría
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural reactiva as actividades do Itinerario Formativo “Coas Mans na Masa 2020” previstas para o primeiro semestre deste ano e que finalmente contarán con novas datas de celebración no vindeiro mes de setembro.
A acción formativa “Cociña creativa con produto local”, que xa foi realizada nos concellos de Nigrán e Tomiño, e que no mesmo mes de setembro se desenvolverá no concello de O Porriño, chegará ao Concello de Redondela os días 7, 8 e 9 de setembro de 2020.
O Chef Iván Méndez será o encargado de impartir o curso, no que proporá ás persoas asistentes novas formas de empregar o produto local, de proximidade e de tempada, para elaborar pratos creativos e innovadores, poñendo en valor o produto e ofrecendo ás persoas participantes recursos que poidan axudar a modernizar as súas ofertas gastronómicas incorporando os novos retos da cociña creativa actual.
Eu Rural conta coa colaboración do Concello de Redondela para poder desenvolver este curso. O Concello facilitará as instalacións para a súa celebración, así como a divulgación entre os colectivos interesados. A acción formativa será impartida os días 7, 8 e 9 de setembro de 2020 en horario de tarde, para facilitar a asistencia dos hostaleiros e hostaleiras. As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado para este curso na páxina Web de Eurural https://eurural.org/formulario-coas-mans-na-masa-2020-profesionais/.
Será de balde e poderán asistir como máximo 15 participantes. O espazo no que se realizará contará coas medidas oportunas de seguridade, e informarase aos participantes das medidas que deben adoptar persoalmente para poder asistir.