Nigrán axuda ao inspector Leo Caldas a resolver un asasinato co xogo de escapismo ao aire libre Eureka Reto Rural

Nigrán axuda ao inspector Leo Caldas a resolver un asasinato co xogo de escapismo ao aire libre Eureka Reto Rural

O concello acolle o desafío ‘Domingo Villar. A praia dos afogados’, un dos escape rooms temáticos dixitais postos en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Será o sábado 18 de maio ás 17.00 h. Inscricións xa abertas na web

Nigrán pon a proba as habilidades mentais cunha emocionante aventura con Domingo Villar e o seu libro ‘A praia dos afogados’ como protagonistas. Ese será o fío condutor do novo desafío ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se están a realizar xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre no territorio. Unha inmersión fascinante na riqueza cultural e histórica deseñada para todos os públicos e totalmente de balde coa que coñecer os segredos e explorar os máis variados recunchos dos 14 concellos.

‘Eureka Reto Rural’ prepara a súa segunda cita desta travesía para este sábado 18 de maio en Nigrán, onde as persoas participantes deberán axudar ao inspector Leo Caldas, protagonista do libro de Domingo Villar, a sacar á luz o que pasou tras a morte dun mariñeiro da zona. As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para descubrir que misterios se agochan no concello e competir entre elas e eles para ver quen revela primeiro o que aconteceu verdadeiramente.

O escape room partirá ás 17.00 horas da Praia da Madorra e continuará cunha ruta de sendeirismo lineal ata o Monumento á Mariña Universal. Trátase dun percorrido con dificultade media-alta pola súa lonxitude e non accesible para persoas con mobilidade reducida. Recoméndase levar calzado cómodo, auga e, como sempre, o teléfono móbil con batería para poder realizar as probas.

As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro marcado na actividade. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.

A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, sinalou o grande éxito no arranque de ‘Eureka Reto Rutal’, que aglutinou a máis de 200 persoas na súa primeira cita. “Continuamos descubrindo e poñendo en valor a riqueza e a diversidade dos concellos do territorio. ‘Eureka Reto Rural’ non é só unha iniciativa innovadora que vai máis alá das simples experiencias turísticas, é unha oportunidade para afondar na autenticidade, na historia, na beleza, no patrimonio dos nosos municipios. Por iso convidamos a todas as persoas a explorar e valorar a diversidade do noso Xeodestino”, resaltou.

“Domingo Villar é un referente da novela negra en todo o mundo e tivemos a sorte de que centrase ‘A praia dos afogados’ en Nigrán. Con esta actividade queremos seguir homenaxeándoo e mantendo viva a súa memoria ao tempo que promovemos o noso municipio. Foi o noso mellor embaixador e queremos recoñecelo deste xeito, a súa obra interesa a milleiros de persoas e as localizacións deste libro son espectaculares”, resume o alcalde de Nigrán, Juan González.

Todos os xogos virtuais están deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo. Nesta ocasión o agasallo será unha experiencia no concello de Pazos de Borbén para seis persoas consistente nunha tarde na granxa ‘Casa Escola do Galleiro’ con visita e coidado dos animais, paseo a cabalo e cea degustación de chuletón de vaca cachena.

Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello de Nigrán sorteará 6 suadoiros de Juan María Sen etiquetas, un proxecto que busca proporcionar ás persoas con diversidade funcional a oportunidade de levar a cabo un traballo produtivo e remunerado, axeitado ás súas características persoais e que facilite a súa integración laboral no mercado ordinario de traballo.

As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Nigrán serán:

  • 26 de maio. Tui. ‘A comunidade xudía en Tui’.
  • 8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
  • 15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.
  • 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
  • 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
  • 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
  • 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
  • 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
  • 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
  • 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
  • 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
  • 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.

Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.