Música e Viño no teu Camiño baixa o pano da súa segunda edición con cinco novas citas

Música e Viño no teu Camiño baixa o pano da súa segunda edición con cinco novas citas

Haberá actuacións no Porriño, Oia, Gondomar, Soutomaior e Tui. En caso de choiva os concertos trasladaranse a recintos cubertos

EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan este programa ao abeiro de ‘O teu Xacobeo’

 

O programa ‘Música e Viño no teu Camiño’ baixa esta semana o pano despois dun mes de concertos cos que Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño buscaban dar visibilidade a grupos emerxentes do territorio ao tempo que se xeran espazos de encontro e lecer nos que gozar da boa música e dos viños con DO Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros da contorna. Será un peche de ciclo con cinco novas citas abertas a todos os públicos en cinco novos concellos do territorio.

A fin de semana de música arranca o mesmo venres 21 de outubro no Porriño coa actuación de Raúl Ben. O músico, produtor, compositor e arranxista porriñés chegará á Praza do Concello ás 19.00 horas co seu estilo influenciado polo pop acústico, o blues, o jazz, os ritmos latinos e polas letras dos grandes cantautores de fala hispana, que fai que os seus temas estean cheos de matices moi diferentes e que a sensibilidade sexa unha das súas maiores fortalezas.

O sábado 22 a música continuará na Praza Centinela de Oia coa sesión vermú ás 13.00 horas a cargo de Awen. Os vigueses subirán ao escenario co seu formato acústico ameno, co que farán pasar un bo rato ao público coas súas versións de pop, rock, soul e blues e co seu propio repertorio. Xa pola tarde será a quenda de Acevedos Delgados, que desembarcará na Praza de Rosalía de Castro de Gondomar ás 19.00 horas cunha sesión de pop rock de versións e temas propios cos que amenizar o ambiente.

O domingo 23 de outubro haberá a segunda edición deste ciclo musical pechará as súas portas con dúas novas actuacións. Á Praza de Talorio de Soutomaior chegará o dúo musical 2Tipos, que conectarán co público nunha sesión vermú ás 13.00 h cun amplísimo repertorio que incluirá coñecidos éxitos nacionais e internacionais, clásicos e contemporáneos. A voz e a música de Up2You porá o broche de ouro a un mes de música co seu concerto ás 19.00 h na Praza de San Fernando de Tui. Dous experimentados músicos que proporán ao público un repertorio que pasa do rock ao soul con toques de country e algunhas pinceladas do mellor pop dos anos 70 e 80.

Todos os concertos son gratuítos e abertos a todos os públicos. En caso de choiva as actuacións trasladaranse a recintos cubertos e informarase do cambio de ubicación a través das redes sociais e da páxina web de Eu Rural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. ‘Música e Viño no teu Camiño’ desenvólvese ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia.