Monográfico sobre empanada no arranque do curso de Cociña creativa con produto local no Porriño

Monográfico sobre empanada no arranque do curso de Cociña creativa con produto local no Porriño

O chef galego Iván Méndez é o encargado de impartir esta actividade, dirixida a persoas ligadas ao sector da hostalaría e da restauración

Aínda quedan prazas dispoñibles para a edición que se celebrará en Redondela o 7, 8 e 9 de setembro

 

O Porriño e o produto local protagonizaron este luns a reactivación do itinerario formativo ‘Coas Mans na Masa 2020’ da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, que incluía unha serie de accións previstas para o primeiro semestre deste ano e que tiveron que ser aprazadas por mor da crise sanitaria. Quince persoas participaron este luns na primeira das actividades, o curso de ‘Cociña creativa con produto local’ dirixido a persoas cunha actividade profesional ligada ao sector da hostalaría e a da restauración no territorio con horarios pensados para compatibilizar a actividade laboral coa formación. A inauguración do curso contou coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e do concelleiro de Deportes, Benestar Social, Igualdade, Formación, Emprego, Novas Tecnoloxías e Turismo, David Alonso Bargiela.

Monográfico sobre empanada no arranque do curso de Cociña creativa con produto local no Porriño

O chef galego Iván Méndez escolleu un monográfico sobre empanadas para a posta en marcha do curso, no que as persoas participantes aprenderán a empregar produtos locais para a elaboración de pratos creativos, innovadores e novidosos. Experto en cociña creativa, con ampla experiencia e recoñecida reputación, Méndez achegará todos os seus coñecementos ás persoas participantes co obxectivo non só de poñer en valor o produto local, de proximidade e de tempada do territorio, senón de trasladar todo o aprendido máis alá da aula para que os establecementos hostaleiros modernicen a súa oferta gastronómica e innoven na mesa.

Todas as persoas interesadas en participar neste curso que quedaran sen praza teñen agora a oportunidade de anotarse na vindeira edición, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de setembro en Redondela en horario de tarde. O curso será de balde e poderán asistir un máximo de 15 participantes. O espazo contará con todos os protocolos de prevención e informarase ás persoas participantes das medidas individuais que deben adoptar para poder asistir. A inscrición pode facerse de forma online premendo aquí.

Para a realización destas accións formativas Eu Rural conta coa colaboración dos concellos de O Porriño e de Redondela, que facilitan as instalacións para a súa celebración e cooperan na divulgación destes cursos entre os colectivos interesados.