O III Foro da Muller Rural Galega rende homenaxe a Luisa Alonso, un exemplo de emprendemento e aposta polo rural

Marzo, mes da muller en Eu Rural

Co gallo do 8M difundirá en redes sociais os vídeos do III Foro da Muller Rural, que dá voz a mulleres do territorio comprometidas para crear un futuro mellor no rural

O vindeiro mes de abril, Eu Rural participará como experto nun foro europeo de innovación no rural liderada por mulleres

 

Eu Rural declara marzo como mes da muller. Co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, ao longo das vindeiras semanas a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural dará protagonismo a todas as mulleres do territorio comprometidas e decididas que traballan día a día para crear un futuro mellor para o rural. Farao difundindo nas redes sociais as 14 pezas audiovisuais realizadas ao abeiro da terceira edición do Foro da Muller Rural, que deu voz a 16 mulleres emprendedoras para dar a coñecer uns proxectos que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que sector primario.

“Queremos dar visibilidade a todo o traballo que realizan as mulleres no noso rural, mulleres valentes, decididas, que apostan por facer do noso territorio un lugar con futuro, no que novos proxectos laborais e de vida teñen sempre cabida. E queremos facelo ao tempo que reivindicamos a igualdade de oportunidades en todos e cada un dos eidos que compoñen as nosas vidas”, destaca Sandra González, presidenta de Eu Rural.

A campaña comezará co vídeo da homenaxeada deste ano, a rosaleira Luisa Alonso, un exemplo de emprendemento feminino e de aposta polo rural que puxo en marcha hai xa máis de catro décadas Exclusivas Alonso, un comercio dedicado ao mundo do agro que se adaptou cos tempos e viviu toda a transformación agraria no Rosal.

Compartirán tamén as súas experiencias e visibilizarán as súas realidades o resto das participantes na terceira edición do Foro da Muller: Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona); Teresa Covelo, da casa niño ‘Curuxa de Lúa’ (Fornelos de Montes); María Alonso, de Alimentación María (Gondomar); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación ‘Llamas de Cea’ (Nigrán);  a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de ‘Héroes para la ciencia’ (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); a arquitecta María Fandiño, do Rosal; Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño); e Ana María Alonso, da tenda artesanal Cabuxa, en Tui.

Foro europeo

Será precisamente ao abeiro do proxecto do Foro da Muller polo que Eu Rural participará como poñente o vindeiro mes de abril no ‘Women-led innovations in agriculture and rural areas’, un encontro europeos de expertas organizado pola EU PAC Networks  no que abordarán innovacións lideradas por mulleres en zonas rurais, intercambiando coñecementos, establecendo redes de colaboración e coñecendo proxectos de éxito no rural.

O encontro celebrarase o vindeiro 17 e 18 de abril en Cracovia (Polonia) e busca demostrar que a agricultura e as zonas rurais poden ser lugares atractivos para as mulleres, especialmente para desenvolver as súas ideas comerciais e aplicar os seus enfoques innovadores. Coa súa participación neste foro europeo de expertas, Eu Rural porá en valor o traballo das mulleres do territorio, así como de todas as mulleres rurais, empoderadas e emprendedoras, “as verdadeiras protagonistas do desenvolvemento do rural, que decidiron vivir e traballar en zonas rurais e que se dedican ás actividades máis variadas, ofrecendo exemplos de referencia e futuro”.