Máis de 300 persoas achéganse con Eureka Reto Rural á historia e patrimonio de Gondomar

Máis de 300 persoas achéganse con Eureka Reto Rural á historia e patrimonio de Gondomar

O equipo ‘Lapandi’, o máis rápido en rematar o escape room, foi o gañador da experiencia na Guarda con saída en embarcación tradicional

Esta fin de semana cita dobre cos xogos de escapismo no Rosal o venres 12 e en Fornelos de Montes o domingo 14

Grandísima acollida da oitava proba de ‘Eureka Reto Rural’. Máis de 300 persoas aceptaron o desafío de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para achegarse á historia e patrimonio de Gondomar dun xeito diferente, ameno e divertido. A través de diferentes probas e retos e con moito tino e imaxinación e da man de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, os equipos participantes fixeron un percorrido recuncho a recuncho pola tradición e cultura local.

O equipo ‘Lapandi’ foi o que rematou máis rápido o escape room e o gañador dunha saída en embarcación tradicional ‘Piueiro’ con visita guiada coas redeiras da Guarda e degustación de produtos típicos con sabor a mar. Por outra banda, ‘Las Raras’ foi o equipo gañador do lote de produtos galegos de Alimentación María sorteado polo Concello de Gondomar.

As persoas que non puideron asistir esta fin de semana ao encontro en Gondomar poderán igualmente realizar este escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. Esta fin de semana haberá ademais cita dobre: o venres 12 de xullo no Rosal celebrarase o primeiro desafío co sector vinícola como protagonista, mentres que o domingo 14 de xullo a cita será en Fornelos de Montes cun reto centrado na festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.