20 May Máis de 270 persoas desafían ao tempo para mergullarse na obra de Domingo Villar en Nigrán
O equipo ‘Caspers’ foi o gañador do reto, galardoado cunha cea degustación en Pazos de Borbén
O domingo 26 temos unha nova cita Tui. Inscricións abertas na web
Espectacular acollida do paso de ‘Eureka Reto Rural’ polo concello de Nigrán. Máis de 270 persoas desafiaron á meteoroloxía para mergullarse neste xogo de escapismo de balde e ao aire libre que EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño están a levar aos concellos do territorio. Unha morea de equipo de valentes que non se amedrentaron coa ameaza de choiva coa que comezaba a tarde para facer de investigadores e investigadoras e axudar ao inspector Leo Caldas, protagonista de ‘A praia dos afogados’ de Domingo Villar, a resolver un caso paseando polo porto de Panxón, o Templo Vótivo do Mar, a praia da Madorra e Monteferro.
O equipo ‘Caspers’ foi o gañador do escape room de ‘Eureka Reto Rural’, premiado cunha cea degustación de chuletón de vaca cachena para seis persoas no concello de Pazos de Borbén. Por outra banda, os equipos ‘Pipiñas’ e ‘Perdidos’ foron os gañadores dos suadoiros de Juan María Sen etiquetas sorteados polo Concello de Nigrán entre todas e todos os participantes.
As persoas que non puideron acudir ao encontro en Nigrán poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade estará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino.
‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será este domingo 26 de maio en Tui, onde o público participante desfrutará dunha emocionante aventura para coñecer o pasado xudeu da cidade no século XI.
As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.