Máis de 200 persoas descobren o pasado xudeu de Tui nun novo desafío de Eureka Reto Rural

Máis de 200 persoas descobren o pasado xudeu de Tui nun novo desafío de Eureka Reto Rural

O equipo ‘Los desmotivados’ foi o gañador do reto, galardoado cun bautismo de surf para seis persoas na praia de Patos, en Nigrán

O sábado 8 de xuño temos unha nova cita en Mos. Inscricións xa  abertas na web

Os desafíos de ‘Eureka Reto Rural’ continúan conquistando o territorio. Máis de 200 persoas desfrutaron este domingo en Tui dunha nova cita con este xogo de escapismo ao aire libre e de balde, un produto turístico posto en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para achegar ao público os diferentes concellos que integran o territorio dun xeito diferente, interactivo, ameno e único.

As rúas de Tui enchéronse de equipos de xogadores e xogadoras de todas as idades para ir descubrindo reto a reto o pasado xudeo da cidade e as curiosidades da comunidade xudía que viviu durante o século XI no segundo conxunto histórico máis importante e grande de Galicia, con máis de 2.000 anos de antigüidade.

O equipo ‘Los desmotivados’ foi o gañador do escape room de Tui de ‘Eureka Reto Rural’, premiado cun bautismo de surf para seis persoas con tres clases de iniciación de dúas horas na praia de Patos, en Nigrán, con todo o material necesario para cada sesión tamén incluído. Por outra banda, os equipos ‘Pipo, ‘Tebra’, ‘Los Pepes’, ‘Los cuatro exploradores’, ‘Vilas Medina’ e ‘Pardedos’ foron os gañadores dos seis lotes de merchandising promocional de Tui sorteados polo Concello entre todas e todos os participantes.

As persoas que non puideron acudir ao encontro en Tui poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 8 de xuño en Mos coa Festa da Rosa como temática central da aventura.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.