Galicia Suroeste renova a súa directiva con firme liderado feminino

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, revalida o seu cargo de presidenta. Susana Rodríguez, da asociación ACADAR, súmase como vicepresidenta nesta nova etapa do grupo de desenvolvemento rural

 

Galicia Suroeste renova a súa directiva con firme liderado femininoO liderado feminino impulsa o futuro de Galicia Suroeste. O grupo de desenvolvemento rural celebrou este martes en Mos unha asemblea xeral que tiña como un dos principais obxectivos renovar a súa xunta directiva, unha nova etapa que comezará con dúas mulleres ao fronte. Tras moitos anos de traballo e firme defensa do rural, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, revalida o seu cargo como presidenta de Galicia Suroeste, mentres que Susana Rodríguez, da Asociación ACADAR, incorpórase nesta lexislatura como vicepresidenta.

Este novo equipo directivo reforza o compromiso de Galicia Suroeste coa igualdade e coa colaboración diversa, poñendo o foco nunha estratexia de desenvolvemento rural que responde ás necesidades reais do territorio e das súas xentes e impulsando proxectos que transformen os concellos que o integran.

Sandra González destacou a relevancia de contar cunha directiva diversa e comprometida nunha nova etapa “máis liderada que nunca por mulleres, que reafirma o noso papel como axente de desenvolvemento e transformación para o futuro do territorio. É unha oportunidade para continuar co traballo que impulsará o crecemento sostible e o benestar da veciñanza de todos os municipios que formamos parte de Galicia Suroeste.”

Pola súa parte, Susana Rodríguez, integrante ademais da Mesa da Muller, subliñou a importancia de seguir promovendo a inclusión e a igualdade nos proxectos de Galicia Suroeste: “É un orgullo colaborar en iniciativas que integren a todas e todos, garantindo que os proxectos que levamos adiante poñan no centro ás persoas e a sustentabilidade do noso territorio”.

Na directiva renovan tamén cargos clave Fernando Magdalena, da CMVMC de San Vicente de Trasmañó, como secretario; Martín Fernández, da Asociación de Profesionais do Kiwi de Galicia, como vicesecretario; Ángel Holguera, da Federación COGAMI Pontevedra, como tesoureiro; e Ramón Alonso, da Asociación Copo sen Fundo, como vicetesoureiro. A elección destes cargos responde ao traballo nas mesas sectoriais, onde tamén se produciron cambios significativos para fortalecer a representatividade.

Nesta nova composición das mesas sectoriais, a Mesa Institucional conta agora con Paco Ferreiras, alcalde de Gondomar, como representante en substitución de Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes, mentres que na Mesa de Montes e Medio Ambiente, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) ocupa o lugar da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (ORGACCMM) na representación.

Pola súa banda, na Mesa de Acción Social, a Asociación Vontade entra como nova representante en lugar da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAGA) e no ámbito cultural o Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas de Mos toma o relevo da Fundación Xavier Pousa. Por último, na Mesa de Desenvolvemento Económico, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) entra como representante no canto da Asociación de Comerciantes de Baiona (ACEBA).