O “Foro da Muller Rural Galega” é unha iniciativa que xurde desde a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural no ano 2021 e que se celebrou por primeira vez en Tui o 15 de outubro, día no que se conmemora o Día da Muller Rural.
Con esta iniciativa, desde a Asociación prentendemos dar voz a todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o noso territorio.
É un recoñecemento ao importante papel que as mulleres desempeñan no noso rural, e que pretende servir de exemplo para outras tantas mulleres, demostrando que se pode emprender no rural, se pode vivir no rural, se pode transformar o rural e que xuntas somos máis fortes.
O foro pretende ser un lugar de encontro no que “Compartimos Experiencias e Visibilizamos Realidades”. As nosas mulleres son as protagonistas e cada unha, presenta a súa iniciativa de desenvolvemento no rural.
Tras a lectura do Manifesto do día da Muller Rural, o acto remata coa entrega do recoñecemento á muller homenaxeada da edición, por toda unha vida defendendo e impulsando os valores da igualdade e dinamizando a sociedade e o noso territorio.
A muller homenaxeada na primeira edición foi Dna. María Teresa Ubeira Santoro, pedagoga tudense, cofundadora do Centro Neuropsicopedagóxico O Pelouro desde Caldelas de Tui.
Este Foro promete ser unha importante ferramenta para o coñecemento e a divulgación e cada ano se celebrará unha edición, coincidindo co día da Muller Rural.