10 Jul Fornelos de Montes celebra a súa XX Festa da Chanfaina e da Carne do Suído co escape room temático de Eureka Reto Rural
Será este domingo 14 de xullo ás 18.00 horas con saída do Centro Multiusos da zona axardinada na rúa das Escolas. Inscricións xa abertas na web
‘Eureka Reto Rural’ sorprenderá ás e aos participantes cun novo desafío en Fornelos de Montes, unha xornada chea de probas, enigmas e retos para coñecer un pouco máis a historia e o patrimonio da vila e achegarse á tradicional Festa da Chanfaina e da Carne do Suído, que celebra o día 21 vinte anos de vida dando a coñecer a gastronomía e as actividades lúdico e musicais que se desenvolven no concello ao longo de todo o ano.
Unha semana antes, o vindeiro domingo 14 de xullo, o Concello de Fornelos de Montes será o escenario perfecto para desfrutar do escape room de Eureka Reto Rural, unha tarde descubrindo os segredos do municipio, que durante os días de festa ofrece unha carne de gran calidade, de gando criado na serra, unhas longanizas feitas en só dous días coas mellores carnes de porcos criados na contorna acompañados de ovos da zona, creando un prato exquisito e contundente típico desta terra.
O escape room partirá ás 18.00 horas do Centro Multiusos, na zona axardinada na rúa das Escolas número 4, para desfrutar dunha ruta circular de dificultade moderada. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
A presidenta de EuRural, Sandra González, amosou o seu entusiasmo ante a celebración dun novo escape room de ‘Eureka Reto Rural’, “un produto turístico único que ofrece a todas e todos os participantes a oportunidade de coñecer o noso fermoso territorio dun xeito interactivo, orixinal e diferente. Con esta iniciativa non só destacamos a riqueza cultura e natural do noso rural, senón que tamén fomentamos a participación activa e a aprendizaxe a través dunha experiencia inmersiva e desafiante. Cremos firmemente que deste xeito contribuímos a fortalecer o vínculo entre as persoas visitantes e o noso patrimonio, promovendo un turismo sostible, de calidade e enriquecedor para todos e todas”.
Pola súa banda, o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, convidou “a todas as persoas que o desexen a participar nesta novidosa actividade que terá lugar no noso concello e na que a través deste escape room vanse dar a coñecer numerosos puntos de interese de Fornelos e, sobre todo, van poder descubrir moitas curiosidades da nosa historia como concello, da nosa situación na Serra do Suído e da nosa festa gastronómica da Chanfaina e da Carne do Suído”.
“É unha festa moi consolidada e este ano precisamente dentro dunha semana celebramos o seu vixésimo aniversario, 20 anos xa dende aquela primeira edición que deixou unha festa de moito interese na nosa contorna e que destaca polo saborosos que son os produtos que ofrecen. Animádevos a participar porque ides coñecer un concello fermosísimo situado nunha situación privilexiada e, sobre todo, moi acolledor”, recalcou o rexedor.
O equipo gañador do escape room de Fornelos de Montes poderá desfrutar dun paseo en barco polo río Miño dende Tui, cun pequeno aperitivo ou merenda e comida ou cea con degustación no restaurante Beldade para seis persoas. Ademais, o Concello sorteará dous vales cun importe de 75 euros cada un para gastar na Carnicería Gregorio e na Carnicería Albino e poder así desfrutar dos produtos cárnicos da contorna.
As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Nigrán serán:
- 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
- 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
- 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
- 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.