12 Ene Eurural, pioneiro na implantación dun plan de medidas antifraude
Como xestor de ‘A Despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, co que se investirán 1,5 millóns de euros, Eurural establece un sistema de control para previr, detectar e actuar contra calquera acción fraudulenta
Eurural adopta de forma pioneira un marco ético de tolerancia cero coa fraude. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural convértese no primeiro grupo de desenvolvemento rural galego en aprobar un Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que permitirá establecer un sistema de control interno deseñado para previr, detectar e tomar medidas contra calquera posible actuación fraudulenta.
Eurural toma esta medida como entidade xestora do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, un plan de acción que prevé o investimento de 1,5 millóns de euros en diferentes iniciativas nos 13 municipios do territorio. Deste xeito, establece os principios e normas en materia de antifraude e anticorrupción e co fin de evitar os posibles conflitos de interese relacionados cos fondos procedentes do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, financiado pola Unión Europea a través de fondos Next GenerationEU.
Asumindo os principios de integridade, imparcialidade e honestidade, o plan inclúe un modelo de declaración institucional que se trasladará á Asemblea Xeral de Eurural na que se recolle un fomento de valores como a obxectividade e a rendición de contas. A través deste plan, Eurural realizou un mapa de riscos, de impacto e de probabilidade de fraude nos procesos clave da execución dos fondos, define un protocolo de medidas preventivas e de detección e inclúe accións correctivas, así como mecanismos de seguimento.
Eurural constituirá unha Comisión Antifraude e puxo xa en funcionamento unha caixa de correos de denuncias de irregularidades e posibles fraudes, casos de corrupción ou conflitos de interese, dispoñible na web da entidade. Ademais, o plan inclúe tamén información e un protocolo respecto da política de obsequios do grupo de desenvolvemento rural.
Por outro lado, Eurural desenvolveun o seu Regulamento Interno de Contratación, que constitúen as normas internas que se deberán seguir nos procedementos de licitacións e que será de aplicación en todas as contratacións do grupo de desenvolvemento rural estean ou non vinculadas á execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A despensa de Galicia’.