Eurural organiza en Tomiño un curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía

A actividade celebrarase os días 7, 9, 10 e 11 de outubro no salón de plenos do Concello. As interesadas poden inscribirse a través da web de Eu Rural

 

Aprender a quererse e valorarse unha mesma empregando a fotografía como ferramenta. Ese é o obxectivo do curso ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’, unha actividade organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural ao abeiro do programa de Agader para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero e que se desenvolverá no salón de plenos do Concello de Tomiño os vindeiros días 7, 9, 10 e 11 de outubro de 16.30 a 19.30 h.

Ao longo destas catro xornadas realizaranse dinámicas de autocoñecemento e autoestima da man das orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira. En grupos de ata 15 mulleres, as participantes vivirán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar a autoestima e o amor propio e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas grupais, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

Dirixido a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas, víctimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, o curso ten por obxectivos reforzar a autoestima e autoconcepto das participantes, ao tempo que se fomenta a súa unión social e a cooperación grupal.

As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa na páxina web de Eurural. O curso é de balde e terminará coa exposición no concello de Tomiño dunha selección de fotografías realizadas durante as sesións que se inaugurará o vindeiro 5 de novembro.