Eurochef presume de gastronomía en Madrid Fusión

Eurochef presume de gastronomía en Madrid Fusión

Chefs do proxecto participan estes días no congreso de alta cociña máis importante a nivel internacional

Eurural impulsa este proxecto de cooperación transnacional Leader no que participan os grupos de desenvolvemento rural Pontevedra Norte e Buvocina de Munte

 

O proxecto Eurochef continúa presumindo de produtos e gastronomía máis alá das fronteiras dos seus territorios. O chef galego Álex Iglesias e as romanesas Ana María Elisabeta Stan e Alina Macovei participan estes días en Madrid Fusión, o congreso de alta cociña máis importante a nivel internacional que reúne todos os anos aos profesionais máis destacados do panorama gastronómico actual.

Cun stand propio, a feira é un excelente escaparate para dar a coñecer os produtos dos tres territorios que forman parte de Eurochef, un proxecto de cooperación transnacional Leader impulsado por Eurural no que tamén participan o grupo de desenvolvemento rural galego Pontevedra Norte e o romanés de Bucovina de Munte. Unha iniciativa que, ademais de fusionar gastronomías e promocionar os produtos de cada territorio, busca intercambiar experiencias, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.

Ademais, este martes, o chef Álex Iglesias preparou un menú degustación con produtos do territorio de Eurural. O público puido así degustar pola mañá tartar verde cremoso de aguacate con aliño picante acompañado por viño da adega Santiago Ruiz, gyozas fritas de marisco cunha emulsión cítrica e viño de Lagar de Fornelos. Para a quenda de tarde, o menú do chef do Restaurante Cabanas estará composto de empanada de mexillón e chourizo con espumoso de Altos de Torona. O primeiro día de feira as degustacións estaban baseadas en produtos do GDR Pontevedra Norte, con cacheira, bocadillo e pincho de cocido de Lalín con diferentes viños.

Escaparate perfecto

Madrid convertese deste xeito durante tres días no escenario perfecto para chegar aos máis de 300 expertos de todo o mundo que pasarán estes días pola feira entre chefs, sumilleres e profesionais dedicados e dedicadas á pastelería, á coctelería ou á enoloxía. Un xeito de potenciar os produtos do sector agroalimentario, de amosar a importancia da gastronomía nos tres territorios e apoiar os produtores e produtoras.

O proxecto Eurochef conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.