03 Sep Eurochef amosa de que está feito no Salón de Alimentación do Atlántico
O proxecto de cooperación transnacional Leader coordinado por Eurural cos grupos de desenvolvemento rural Terras de Pontevedra Norte e Bucovina du Monte celebrará 15 showcooking nos tres días da feira
O proxecto Eurochef continúa compartindo gastronomía e experiencias. Este proxecto de cooperación transnacional Leader coordinado pola AD Galicia Suroeste Eurural cos grupos de desenvolvemento rural Terras de Pontevedra Norte e Asociatia Grup de Actiune Locala de Bucavina de Munte de Romanía participa dende este venres ata o domingo no Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT Abanca 2021, que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda.
Serán tres días durante os que os chefs Iván Méndez (Eurural), Álex Iglesias (PONORTE), Ana María Elisabeta Stan e Alina Macovei (Bucovina du Monte) realizarán 15 showcookings nos que darán a coñecer os pratos e produtos dos seus territorios. O broche final da feira porase o domingo cunha cata de viños de todos os territorios do proxecto a cargo da sumiller Carlota Iglesias, do restaurante Cabanas.
Eurochef conta na feira cun stand propio de máis de 120 metros cadrados no que terán lugar todas as demostracións gastronómicas, que arrancaron este venres cunha degustación de produtos típicos e pratos elaborados por cada un dos chefs, acompañados de viños e licores do territorio. O acto inaugural contou coa presenza de Sandra González, presidenta da AD Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, e de José Crespo, presidente da ADR Terras de Pontevedra e rexedor de Lalín, así como dos chefs de cada un dos territorios socios do proxecto.
Ata o vindeiro domingo o chef de Eurural, Iván Méndez, fará as delicias do público cunha ampla variedade de pratos elaborados con produtos do territorio. Así, na xornada inaugural preparará hamburguesa de peixe espada e follas tenras da horta do Rosal en pan do Porriño, mentres que o sábado cociñará nunha primeira sesión tataki de porco celta, pemento negro asado e ali-oli de Mirabel do Rosal e ‘La Torta’ clásica e un aire de licor café e zorza de mar (de peixe espada) con guiso de verduras de tempada ao albariño do Rosal e carpaccio de lamprea afumada e cremoso de aguacate á soia na sesión de tarde. O domingo porase tras os fogóns para cociñar lagosta frita en fariña de millo con emulsión de cervexa de Mirabel do Rosal, xeado de frutos vermellos e galleta de castaña, empanada de Mexillón de Galicia e chourizo de cabaza “ao seu xeito” e cunca de legumes e calabizo picante.
Eurochef é o único proxecto de cooperación Leader aprobado en Galicia con carácter transnacional. Conta cun orzamento total de 300.000€, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros, o 90% deles financiados pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.