Eureka Reto Rural convidará ao público a conectar coa historia e patrimonio de Gondomar

Eureka Reto Rural convidará ao público a conectar coa historia e patrimonio de Gondomar

O concello acolle a oitava proba desta iniciativa de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, que terá ‘O Conde no Camiño’ como temática central

Será o sábado 6 de xullo ás 10.30 h. Inscricións xa abertas na web

O público continúa coñecendo o territorio dos 14 concellos do territorio de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desafío a desafío. ‘O Conde no Camiño’ será a temática central dunha nova cita do proxecto Eureka Reto Rural, un produto turístico orixinal que nesta ocasión permitirá a todas e todos os participantes achegarse á historia e patrimonio de Gondomar dun xeito divertido e interactivo a dun escape room ao aire libre, dixital, de balde e para todos os públicos.

O sábado 6 de xullo o Concello de Gondomar acollerá un encontro que permitirá seguir os pasos de Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar. Un percorrido que permitirá coñecer un pouco máis a este histórico personaxe visitando lugares únicos que manteñen viva a tradición e a cultural local, infraestruturas, monumentos ou construcións emblemáticas da vila.

O escape room partirá ás 10.30 h da Praza Rosalía de Castro para desfrutar dunha ruta circular de dificultade moderada. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

A presidenta de EuRural, Sandra González, convida a todo o público a sumarse a esta nova aventura de Eureka Reto Rural, “unha oportunidade única de mergullarse na rica historia de cada un dos concellos do territorio, unha experiencia educativa e turística que permite a todas e todos os participantes vivir a historia dun xeito interactivo e emocionante  e descubrir o encanto que agochan todos os nosos municipios”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, sinalou «a importancia da posta en valor do noso patrimonio, cultural, arquitectónico e histórico, que grazas a esta iniciativa poderase facer dende un punto de vista lúdico e que permitirá achegarse a unha figura tan importante para a nosa vila como Diego Sarmiento de Acuña, primeiro Conde de Gondomar. Polo tanto, quero animar a toda a cidadanía a participar e coñecer un pouco máis da nosa historia».

O equipo gañador do escape room de Gondomar poderá desfrutar dunha saída na embarcación tradicional ‘Piueiro’ con visita guiada coas redeiras da Guarda e degustación de produtos típicos con sabor a mar. Ademais, o Concello de Gondomar sorteará un lote de produtos galegos de Alimentación María valorado en 150 euros.

As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Gondomar serán:

  • 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
  • 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
  • 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
  • 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
  • 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
  • 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.

Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.