Eu Rural súmase aos EcoComedores, un proxecto para impulsar os produtos locais e ecolóxicos nos comedores escolares

Eu Rural súmase aos EcoComedores, un proxecto para impulsar os produtos locais e ecolóxicos nos comedores escolares

O CEP Pedro Caselles de Tomiño e o CEIP Antonio Palacios do Porriño participan nesta rede que busca asesorar, promover e formar a persoal de cociña e responsables dos comedores na elaboración de menús saudables

Crear unha rede para asesorar, promover e formar ao persoal de cociña e responsables dos comedores escolares na elaboración de menús equilibrados e saudables que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico. Ese é o obxectivo dos EcoComedores, un proxecto ao que se sumou a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e que xa desembarcou en dous centros educativos de Tomiño e O Porriño.

“É moi ilusionante participar en iniciativas como esta, que reflicten o noso compromiso cun futuro máis sostible e saudable para a nosa cativada e a nosa contorna”, salienta a presidenta de Eu Rural, Sandra González. González tamén destaca que “a educación vai máis alá das aulas, esténdese tamén ao prato de cada neno e nena, xa que introducindo alimentos frescos e locais nas súas comidas diarias estamos cultivando a súa conciencia medioambiental e alentando que coñezan e valoren o territorio no que viven”.

O CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán de Tomiño e o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño participan xa nesta iniciativa pioneira que busca implementarse noutros centros educativos do territorio con cociña propia.

Ademais de revisar os menús e asesoralos para elaborar menús con produto local e de tempada sen incremento económico, nestes colexios de Tomiño e O Porriño Eu Rural levou a cabo accións de sensibilización a rapazada e familias e de formación ao persoal de cocina, con charlas teóricas sobre a importancia da temporalidade, a estrutura base dun menú e as fichas técnicas necesarias e cun obradoiro práctico de elaboración de pratos e cálculo de ingredientes.

Con este proxecto búscase tamén promocionar os produtos locais, “fomentando o consumo en circuítos curtos e contribuíndo á mitigación do cambio climático, mirando a pegada ecolóxica da alimentación ao tempo que se dinamiza a economía local”. Os centros con comedor escolar con cociña propia interesados en participar na Rede EcoComedores poden consultar máis información e inscribirse na páxina web de Eu Rural.

Coordinado polo grupo de desenvolvemento local Mariñas-Betanzos, nesta iniciativa participan Eu Rural e outros oito GDR: Seitura 22, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Terras de Lugo, Asociación Montes e Vales Orientais, GDR Limia-Arnoia e Asociación Condado-Paradanta. Conta tamén coa participación de Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) como entidades colaboradoras,

O proxecto está cofinanciado nun 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, en un 10% polas entidades colaboradoras do proxecto.