Eu Rural sortea cinco experiencias para vivir o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Eu Rural sortea cinco experiencias para vivir o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Ao abeiro da campaña ‘Vivir experiencias, compartir territorio’

Os sorteos estanse a realizar durante o mes de febreiro nas redes sociais da asociación

Non hai mellor forma de coñecer o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que mergullándose nel. Por este motivo, e ao abeiro da iniciativa ‘Vivir experiencias, compartir territorio’ a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural ten en marcha o sorteo de cinco experiencias para coñecer ás e aos protagonistas da nova campaña e os lugares nos que se rodou o vídeo promocional. Durante todo o mes de febreiro as redes sociais de Eu Rural lanzarán o sorteo destas experiencias, unha información que tamén está a difundir dende as redes do propio Xeodestino.

A campaña arrancaba co sorteo dunha experencia para coñecer Lagar de Cervera, o lugar de gravación do vídeo promocional. Unha experiencia na que a persoa gañadora poderá desfrutar cun grupo de amigos e amigas dunha visita guiada á bodega e destilería situada no Rosal, seguida dunha cata comentada dos viños que se elabora e dun almorzo para seis persoas no comedor privado da adega.

Da man de Alecrín Actividades y Aventura o gañador ou gañadora do sorteo poderá descubrir os segredos da enseada de San Simón da man de Ana Vázquez. Unha actividade na que achegarse á contorna navegando polas súas augas cunha iniciación en kaiak ata a illa de San Simón, observando as zonas de marisqueo, a praia de Cesantes, o illote Corveiro e o impresionante monumento do Capitán Nemo cos seus buzos. Unha xornada para desfrutar ata seis persoas que rematará cunha experiencia intermareal en Soutoxuste, onde coñecer as aves limícolas que habitan alí e toda a súa fauna.

Nestes intres está activo o sorteo dunha experiencia sensorial coa bodega Terras Gauda. Un percorrido que comezará visitando os viñedos de Goián, con regreso á adega para coñecer o proceso de elaboración dos viños brancos, unha degustación de Abadía de San Campio, Terras Gauda e La Mar acompañadas de empanada de produto galego e remate cun agasallo para cada unha das seis persoas participantes.

As persoas interesadas en participar en calquera dos sorteos deberán permanecer atentas ás redes sociais de Eu Rural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ao longo de todo o mes de febreiro, no que tamén se galardoará cunha experiencia durmindo baixo ás estrelas da man de Berto Fernández e Guías Galaicos. Incluirá unha ruta de sendeirismo con pernocta para descubrir o contorna natural da zona, aprendendo a realizar un refuxo, observando a fauna entre o solpor e o amencer e observando o ceo nocturno.

Por outra banda, as persoas interesadas no eido mariño poderán participar no sorteo dunha experiencia mariñeira no porto da Guarda con Rubén Adrover e a Asociación Cultural de embarcacións tradicionais Piueiro. A actividade consistirá na saída de navegación nunha embarcación tradicional, coñecer o traballo esencial das redeiras e degustar a gastronomía local para que as e os participantes poidan descubrir cos propios protagonistas e profesionais a esencia mariñeira da vila durante unha tarde de verán.