Eu Rural retoma as actividades do Itinerario Formativo “Coas Mans na Masa 2020” este mes de Setembro co curso de Cociña Creativa en O Porriño

O curso contará coa presenza do chef galego Iván Méndez, será de balde e estará orientado a persoas cunha actividade laboral ligada ao sector hostaleiro

 

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural  reactiva as  actividades do Itinerario Formativo “Coas Mans na Masa 2020”  previstas para o primeiro semestre deste ano e que finalmente contarán con novas datas de celebración no vindeiro mes de setembro.

A primeira das actividades  será o curso “Cociña creativa con produto local”, que xa acadou unha gran aceptación e participación coas edicións celebradas en Nigrán e Tomiño o pasado mes de febreiro. Consiste nunha acción formativa orientada ás persoas que teñen unha actividade profesional ligada ao sector da hostalaría no territorio de actuación de Eurural e polo tanto os horarios estarán adaptados para poder compatibilizar a actividade laboral coa asistencia ás xornadas.

En canto ao contido do mesmo, o  chef galego Iván Méndez proporá novas formas de empregar os produtos locais para a elaboración de pratos creativos, innovadores  e novidosos. Iván Méndez é un experto en cociña creativa, de recoñecida reputación, gran capacidade de comunicación e ampla experiencia na celebración de eventos de cociña, gastronomía e turismo, ademais de ser o “chef de cabeceira” no programa de Eu Rural “Un Chef no Rural”.

O obxectivo do programa é  dotar aos establecementos hostaleiros de recursos que complementen e modernicen a súa oferta gastronómica, incorporando novas fórmulas e aprendendo novos xeitos de levar a innovación á mesa, e ao mesmo tempo pretende  seguir traballando na posta en valor do produto local, de proximidade e de tempada.

Eu Rural conta coa colaboración do Concello de O Porriño para poder desenvolver este curso. O Concello facilitará as instalacións para a súa celebración, así coma a divulgación entre os colectivos interesados en asistir. A acción formativa será impartida os días 31 de agosto e 1 e 2 de setembro de 2020 en horario de tarde. As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado para este curso na  páxina web de Eurural. Será de balde e poderán asistir como máximo 15 participantes. O espazo no que se realizará contará coas medidas oportunas de seguridade, e se informará aos participantes das medidas que deben adoptar persoalmente para poder asistir.

Aparte de en O Porriño, o curso será impartido tamén no Concello de Redondela os días 7, 8 e 9 de setembro, luns, martes e mércores.