08 Jul Eu Rural presentará de novo a súa candidatura para ser Grupo de Desenvolvemento Rural
A asociación, que busca así continuar colaborando coa medida LEADER Galicia, xa está traballando na vindeira Estratexia de Desenvolvemento Rural para o período 2023-2027
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural presentará a súa candidatura para volver ser Grupo de Desenvolvemento Rural no novo período 2023-2027. Unha vez presentada a súa candidatura á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, organismo encargado de concedela, EuRural comezará xa a traballar na vindeira Estratexia de Desenvolvemento Rural para este novo período.
Na súa última reunión, a Xunta Directiva aprobou comezar a levar a cabo as iniciativas necesarias para repetir como entidade colaboradora da medida LEADER Galicia para este novo período. Por este motivo, os traballos centraranse na adquisición das capacidades necesarias e das accións preparatorias para o deseño da futura Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo para o territorio do GDR14, composto por trece concellos.
Entre as accións está prevista a posta en marcha dun proceso de participación social; a adaptación da estrutura de organización con representantes das entidades sociais, coa implicación dos sectores económicos, sociais e culturais do territorio e coa incorporación de novas entidades; a proposta de actuacións para analizar e facer unha diagnose dos resultados dos Plans de Desenvolvemento Rural anteriores; así como a proposta para o deseño de proxectos piloto, de accións para a promoción da participación das mulleres nos órganos de goberno e na toma de decisións e de accións para garantir a participación activa dos socios, entre moitas outras.
O vindeiro paso de EuRural será a celebración o vindeiro 15 de xullo dunha asemblea xeral ordinaria e outra extraordinaria para proceder a realizar os cambios de estatutos necesarios e actualizar ás persoas representantes da Xunta Directiva.