Eu Rural lidera a segunda edición de Eurochef, un proxecto de cooperación transnacional con Letonia e Bulgaria

Unha delegación dos grupos de acción local letóns e búlgaros visitarán este mércores 12 Tomiño nun intercambio de experiencias para poñer en valor os produtos locais e o territorio en base á gastronomía, ao patrimonio e á cultura

Eu Rural colabora neste proxecto Leader cos grupos de desenvolvemento rural galegos Terras de Pontevedra Norte e Limia-Arnoia

 A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural lidera Eurochef II, a segunda edición dun proxecto de cooperación transnacional Leader no que participan os grupos de desenvolvemento rural galegos Terras de Pontevedra Norte e Limia-Arnoia cos grupos de acción local MIG-RAZLOG LAG de Bulgaria e ZIED ZEME LAG de Lituania.

Trátase dunha iniciativa que buscan potenciar o desenvolvemento económico sostible das diferentes rexións poñendo en valor os produtos locais e os territorios a través da gastronomía, o patrimonio e a cultura. Neste camiño, unha delegación con representantes búlgaros e lituanos visitará estes días Galicia para percorrer o territorio e afondar no intercambio de ideas e experiencias.

Tras visitar a comarca do Deza, a delegación chega este mércores 12 a Tomiño, onde se realizará a partir das 10.00 horas unha recepción oficial na Casa do Concello. Despois deste encontro, o grupo de visitantes achegarase a Viveiros Río Tollo e ás bodegas Terras Gaudas para coñecer algúns dos principais sectores económicos da comarca. Tras a visita ao Baixo Miño, a delegación partirá cara a Allariz para coñecer o territorio doutro dos grupos de desenvolvemento rural galegos participantes no proxecto.

Eurochef II é un proxecto de cooperación transnacional financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural  dentro da medida 19.3 Leader Galicia 2014-2020 a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).