22 May Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño visitan Italia para coñecer novas experiencias de desenvolvemento
Durante tres días alcaldesas, alcaldes e edís reuniranse con grupos de acción local e percorrerán a rexión de Emilia-Romaña recollendo ideas coas que poder enriquecer o territorio
Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño exploran novas experiencias e aprenden doutros territorio para seguir crecendo e innovando no rural. Unha delegación composta por alcaldesas, alcaldes, edís e persoal técnico percorre estes días a rexión de Emilia-Romaña, en Italia, para coñecer de primeira man experiencias de desenvolvemento económico, turístico e social nunha zona vitivinícola de gran parecido con Galicia. Unha viaxe de estudo que permitirá recoller ideas e achegarse a prácticas exitosas que poidan ser implementadas no territorio para potenciar o desenvolvemento rural.
“Viaxes coma esta son fundamentais para abrir a mente e aprender de iniciativas que xa son todo un éxito que poden servirnos para continuar transformando o noso medio rural. Son tres intensos días de visita que supoñen un grande exemplo de coordinación entre institucións, empresas e sociedade para estreitar lazos entre o rural europeo”, como destaca a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Xunto con González, nesta visita de estudo participan autoridades dos 14 concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, como o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; o rexedor de Pazos de Borbén, Luciano Otero; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; e o rexedor de Tui, Enrique Cabaleiro; así como os edís Sheila González, de Baiona; Rocío Goberna, de Gondomar; Leo Costas e Julia Loureiro, de Mos; Beatriz Rodríguez, do Rosal; Silvia Cernadas, de Soutomaior; e Ana Núñez, de Tui.
A visita comezou este mesmo mércores en Ziano Piacentino cunha xornada de carácter máis institucional. Nela a delegación tivo a oportunidade de coñecer o plan de acción do Grupo de Acción Local do Ducato, o Consorcio DOP do Salumi Piacentini e as rutas do viño do outeiro Piacentini. Xa pola tarde, as e os participantes realizaron unha visita guiada pola adega de Mossi de Marco Profumo, onde puideron coñecer o funcionamento dunha das bodegas máis representativas da rexión.
A segunda xornada da viaxe de estudo celebrarase este xoves 23 e estará marcada por visitas a empresas agroalimentarias e culturais. A delegación visitará a fábrica de xamóns Galloni e trasladarase ata o Museo do Tomate e da Pasta e o Museo do Viño, no que continuar recollendo ideas dunha rexión vitivinícola similar en moitos aspectos ao territorio de Eu Rural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Tamén coñecerán a fortaleza de Rocca San Vitale en Sala Baganza, unha xoia do patrimonio histórico e cultural da rexión.
A delegación rematará tres xornadas de visitas e reunións desprazándose a Bardi, en Parma, onde coñecerán a Azienda Agricola Brugnoli e se reunirán con operadores do Parmigiano Reggiano e representantes do Consorzio do Parmigiano-Reggiano. Será a fin dunha viaxe “que nos permitirá atesourar novas ideas e melloras que poderiamos implementar no noso territorio que beneficien o desenvolvemento sostible, económico e turístico do noso rural”.