30 Ago Eu Rural afonda na gastronomía, tradicións e cultura de Letonia nun novo intercambio do proxecto Eurochef II
Representantes dos GDR Eu Rural, Limia-Arnoia e Terras de Pontevedra Norte coñeceron en agosto interesantes iniciativas do país báltico ao abeiro desta iniciativa Leader de cooperación transnacional
O proxecto de cooperación transnacional Leader Eurochef II dá un novo paso con outra interesante viaxe para coñecer e estreitar lazos co rural europeo. Representantes da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, líder da iniciativa, e dos grupos de desenvolvemento local galegos Limia-Arnoia e Terras de Pontevedra Norte e do búlgaro MIG-RAZLOG LAG percorreron Letonia en agosto da man do grupo de acción local Zied Zeme Lag e da asociación Pierigas Partneriba.
Durante dúas xornadas, as e os técnicos tiveron a oportunidade de coñecer interesantes iniciativas locais e afondar na gastronomía, nas tradición e na cultura de Letonia. Neste novo intercambio visitaron nas localidades de Ogre e Lielvārde unha granxa de flores comestibles que abastece á restauración do país, unha fábrica de cervexa ou unha granxa de froitos vermellos para a venda e transformación de marmeladas, licores ou gominolas, así como explotacións de leite que se reinventaron e pasaron da gandería intensiva á produción ecolóxica.
Outra das visitas obrigadas para as e os integrantes da delegación galega foi a dun espazo coworking, un modelo que cada vez ten maior aceptación no territorio letón. Neste centro, o grupo de acción local anfitrión Zied Zeme Lag comparte espazo cun tear artesán e persoal profesional vencellado ás novas tecnoloxías.
Eurochef II convértese así nunha oportunidade única para continuar promovendo a transferencia de coñecementos e a experiencia internacional e de resaltar valores locais do rural de diferentes puntos de Europa. O vindeiro encontro será a finais de setembro en Bulgaria.
O proxecto Eurochef II trátase dunha iniciativa que buscan potenciar o desenvolvemento económico sostible das diferentes rexións poñendo en valor os produtos locais e os territorios a través da gastronomía, o patrimonio e a cultura. Trátase dun proxecto de cooperación transnacional financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural dentro da medida 19.3 Leader Galicia 2014-2020 a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).