21 May Descubrimos o pasado xudeu que envolve a Tui co xogo de escapismo ao aire libre Eureka Reto Rural
O concello acolle o desafío ‘A comunidade xudía en Tui’, un dos escape rooms temáticos postos en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
Será o domingo 26 de maio ás 18.00 h. Inscricións xa abertas na web
Tui prepárase para acoller o terceiro desafío de ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño co que coñecer o territorio a través de xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre. Unha emocionante aventura polas rúas do centro histórico da vila coa que todas e todos os participantes poderán coñecer o pasado xudeu e as curiosidades da comunidade xudía que viviu en Tui durante o século XI.
As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para ir resolvendo os diferentes desafíos e avanzar o seu percorrido por distintos puntos claves de Tui, o segundo conxunto histórico máis importante e grande de Galicia, con máis de 2.000 anos de antigüidade. Códigos numéricos, labirintos, anagramas… todo valerá para afondar na cultura e na historia xudía entre os muros e edificios da cidade.
Para adaptarse a todos os públicos e facilitar a participación de público familiar, o escape room modifica a súa hora inicial e sairá ás 18.00 horas da Praza da Catedral. Trátase dun percorrido circular con dificultade moderada e accesible para persoas con mobilidade reducida, aínda que a ruta conta con costas pronunciadas. Recoméndase como sempre levar o teléfono móbil con batería suficiente e conexión a internet para poder realizar as probas, así como papel e lapis para usar en caso de necesitalo para a resolución dos retos.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro marcado na actividade. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, agradeceu a todas as persoas participantes nos primeiros desafíos de ‘Eureka Reto Rural’, confirmando “o grande interese que ten o público por experiencias turísticas diferentes e orixinais coas que poder coñecer o noso territorio dun xeito divertido e único. Son días de aventura e aprendizaxe realzando a visibilidade dos concellos dun destino turístico atractivo, unido, de gran beleza e histórica e culturalmente moi enriquecedor”.
A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, convida a todas as persoas a inscribirse “e formar parte desta experiencia única que nos levará a explorar o pasado e desvelar os segredos que resaltan a rica herdanza xudía na nosa cidade. Para nós é un verdadeiro orgullo que a nosa historia forme parte dunha iniciativa que permita coñecer dun xeito dinámico, interactivo e distinto o importante legado xudeu que atesoura Tui”.
Todos os xogos virtuais están deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo. Nesta ocasión o agasallo será un bautismo de surf con tres clases de iniciación de dúas horas na praia de Patos, en Nigrán, incluíndo o material necesario para cada sesión. Ademais, entre todas as persoas participantes sortearanse seis lotes de merchandising promocional do Concello de Tui.
As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Tui serán:
- 8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
- 15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.
- 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
- 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
- 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
- 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
- 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
- 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
- 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
- 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
- 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.