Cerca de 200 persoas viviron o desafío Eureka Reto Rural esta fin de semana en Pazos de Borbén e en Fornelos de Montes

Cerca de 200 persoas viviron o desafío Eureka Reto Rural esta fin de semana en Pazos de Borbén e en Fornelos de Montes

O equipo “As Tartarugas” foi o máis rápido de Pazos de Borbén, mentres que “Caspers” foi o quipo gañador de Fornelos de Montes

A próxima cita será o 14 de agosto en Soutomaior. Inscricións xa abertas na web

.- Fin de semana de aventura para os concellos veciños de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes con “Eureka Reto Rural”. Arredor de 200 persoas achegáronse a coñecer estes territorios dun xeito diferente e divertido nestas actividades de escapismo de balde e organizadas por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

O pasado sábado 27 de xullo, veciños, veciñas e visitantes de Pazos de Borbén dirixíronse ao Torreiro de festa das Xunqueiras cun mesmo obxectivo. O de explorar a historia das Casas Indianas da localidade ca fin de resolver o desafío no menor tempo posible.

Pero só un equipo podía gozar desa sorte, e ese foi o das “Tartarugas”, premiado cunha ruta a bordo dun barco tradicional, no que poderán observar os traballos da pesca artesanal no entorno Baiona-Cíes, así como dunha degustación a bordo de productos do mar. Por outra banda, os quipos “Tins”, “As Catro” e “Matalobos” foron os aforunados que se levaron os productos locais e de artesanía que sorteaba o Concello.

Xa o domingo, aqueles que se achegaron a Fornelos de Montes puideron desfrutar da cita con moita expectación, despois de que fora aprazada por inclemencias meteorolóxicas. Neste caso, a temática deste percorrido que permitía coñecer os segredos da localidade era a “Festa da Chanfaina e da Carne do Suído”.

“Caspers” foi o equipo que resolveu nesta ocasión a proba coa maior brevidade, polo que desfrutarán dun paseo en barco polo río Miño dende Tui, cun aperitivo ou merenda e comida ou cea de degustación no restaurante Beldade. No caso do premio sorteado polo concello, dous vales para consumir en productos cárnicos da contorna, os equipos gañadores foron “AsoreyWang” e “Moscoso”.

As persoas que non puideron acudir ao encontro nen Pazos de Borbén ou Fornelos de Montes poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

“Eureka Rural” está a levar a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando o territorio a través dunha serie de xogos de escapismo que permiten coñecer dun xeito orixinal a historia do municipio. A vindeira cira terá lugar o mércores 14 de agosto en Soutomaior e terá a “María Vinyals” como protagonista.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.