22 Nov Catorce touroperadores percorren o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño na procura de experiencias e sinerxías
Nesta primeira aproximación ao territorio visitaron o Mosteiro de Oia, as redeiras da Guarda, unha adega no Rosal e un viveiro en Tomiño
Durante a xornada mantiveron un encontro con empresas do Xeodestino para tecer unha rede de traballo e fomentar a creación de paquetes e produtos turísticos
Coñecer de primeira man as oportunidades turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Ese era o obxectivo co que 14 touroperadores de Galicia e Portugal estiveron percorrendo o territorio nunha visita que supuxo dar os primeiros pasos para estreitar lazos e crear sinerxías co tecido empresarial dos 14 concellos do Xeodestino.
Convidadas e convidados polo Xeodestino, durante toda a xornada, representantes de Rutas Meigas, Tee Travel, Galiwonders, Circuítos Galicia, Always Spain Incoming, Simply Galicia, Pambre Tours, Arribeirados, Grupo Acuña Ons, Go Travel Portugal e Art Natura coñeceron algúns puntos de referencia para o turismo da comarca do Baixo Miño na procura de experiencias que trasladar á súa clientela.
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, recibía á delegación antes de entrar a unha interesante visita ao Mosteiro de Oia, un lugar con séculos de historia no que puideron coñecer de primeira man o proxecto de recuperación previsto e as actividades que xa se están a desenvolver, como as visitas guiadas, as actividades culturais ou o museo no que se conservan partes das inscricións e debuxos feitos nas paredes polos reclusos que pasaron polo mosteiro durante a Guerra Civil.
A seguinte parada no percorrido foi na Guarda, onde tras a recepción do concelleiro de Turismo, Fernando Reyes, as redeiras da Asociación Atalaia ensinaron o seu labor diario, un oficio tradicional no que todo se fai a man con moitas horas de traballo e paciencia. Ademais de elaborar e reparar redes, as sete mulleres que actualmente forman parte da asociación tamén fan visitas guiadas e obradoiros e elaboran pezas de artesanía tecidas con redes e nos mariñeiros.
Na procura de experiencias diferenciais, os touroperadores amosaron especial interese tamén polo traballo realizado nas adegas do Rosal. En Terras Gauda puideron achegarse ao mundo da viticultura, á historia da enoloxía na comarca e degustar algúns dos viños con DO Rías Baixas Subdelegación O Rosal. Parada imprescindible tamén nos viveiros tomiñeses para coñecer o labor cotiá realizado nun sector que exporta produtos do territorio a todo o mundo. A delegación de visitantes percorreu Viveiros Río Tollo para familiarizarse co mundo da planta ornamental e as súas posibilidades turísticas.
Con moita ilusión polas iniciativas atopadas, os touroperadores achegáronse ao Hotel Talaso Atlántico para degustar un menú feito polo chef Javier Fins con produtos do territorio, pratos todos elaborados con materia prima do mar e da horta e con viños da comarca como acompañamento.
A xornada pechouse cun encontro entre os touroperadores e máis dunha trintena de empresas do territorio para tecer unha rede de traballo e fomentar a creación de paquetes e produtos que involucren á oferta turística e ao sector terciario. Como sinalou a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “workshops como o que estamos a celebrar hoxe son unha iniciativa fundamental para que todos os sectores se comuniquen e complementen para potenciar o turismo no territorio”. Unha idea na que incidiu o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que agradeceu “que se fagan estas cousas para coñecernos e traballar xuntas e xuntos polo territorio”.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, explicou a todas e todos os participantes que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño naceu “para promocionar todos a unha o noso territorio, que ten un potencial incrible. Só fai falla unir aos touroperadores ás nosas gañas e ilusión para facer do Xeodestino un referente turístico”. Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recalcou a importancia de “saír da esfera do local para entender o territorio como un conxunto de oportunidades”. Durante a xornada tamén estiveron presentes o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González; a concelleira de Turismo de Soutomaior, Silvia Cernadas; a concelleira de Mos Sara Cebreiro e a edil de Turismo de Baiona, Sheila González.
Esta colaboración coas axencias de viaxe que posúen unha ampla experiencia na comercialización de produtos turísticos a nivel nacional e internacional permitirá facilitar o acceso das empresas turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ás canles de comercialización e promoción máis relevantes.