“As vaquiñas de Pinzás”, un exemplo da xestión sostible e rendible do monte

“As vaquiñas de Pinzás”, un exemplo da xestión sostible e rendible do monte

O proxecto silvopastoril financiado cos fondos Leader que coordina EuRural destaca pola súa labor na prevención dos lumes, pola xeración de valor engadido e a recuperación das razas autóctonas gandeiras

 

Pinzás (Tomiño) acolleu hoxe a presentación do proxecto “As vaquiñas de Pinzás”, un novo sistema de xestión do monte que cambiou en gran medida o uso das terras da contorna, e que conta cun orzamento de 190 mil euros, dos cales 150 mil están financiados cos fondos europeos da Medida Leader que xestiona a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. 

O proxecto pretende que a gandería e as novas tecnoloxías axuden a mellorar o estado ambiental do territorio, conservar o patrimonio, e dar uso a unhas terras que axuden a previr os incendios forestais. Para elo a Comunidade de Montes, a través dos fondos europeos Leader, busca consolidar o sistema silvopastoril do espazo traballando en base a tres piares fundamentais: a educación, o uso das novas tecnoloxías, e a recuperación de tradicións históricas. 

A presidenta de EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou hoxe a importancia dun proxecto que “pon en valor un monte que estaba en estado de abandono”, e que demostra que “vale a pena investir no rural”.  “As vaquiñas de Pinzas” representan “unha estratexia moderna que ten en conta todos os valores que deben primar neste tipo de actuacións no rural: o económico, o sostible, e o educativo”. 

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, subliñou que este “é un proxecto modelo e exemplar para outras comunidades semellantes en Galicia”, e o conselleiro do Medio Rural, José González, tamén transmitiu os seus parabéns pola iniciativa e trasladou que e a Xunta tratará de impulsar iniciativas semellantes noutras partes do territorio galego. 

“As vaquiñas de Pinzás” consiste en definitiva nun sistema  silvopastoril para a cría de tenreiras e vacas, unha tradición histórica que foi perdéndose co paso do tempo e que agora se retoma apostando por vacas de raza  vianesa, unha raza autóctona galega considerada en perigo de extinción, e pola recuperación de pastos degradados. A súa vez o proxecto fai tamén unha forte aposta pola innovación coa posta en marcha de solucións tecnolóxicas de apoio á xestión do gando, como a implementación dun sistema de xeolocalización das vacas.

Ademais, e tal como indicou a presidenta de EuRural, o espazo tamén conta cunha aula de interpretación que achegue a sociedade o coñecemento de valor sobre os montes, os seus usos, os seus retos ou a súa importancia. “Esperamos que todas as escolas do Baixo Miño e O Val Miñor visiten e aprendan coas vaquiñas de Pinzás”, concluíu San dra González.