Arredor de 250 persoas investigaron os misterios do Mosteiro de Oia nun novo desafío de Eureka Reto Rural

Arredor de 250 persoas investigaron os misterios do Mosteiro de Oia nun novo desafío de Eureka Reto Rural

Arredor de 250 persoas investigaron os misterios do Mosteiro de Oia nun novo desafío de Eureka Reto Rural

O equipo ‘Becky Team’, o máis rápido en rematar o xogo, gañou unha Experiencia Palacios no Porriño

A vindeira cita será o sábado 6 de xullo en Gondomar. Inscricións xa  abertas na web

Grande éxito da sétima proba de ‘Eureka Reto Rural’. Arredor de 250 persoas desfrutaron en Oia dunha nova proposta deste xogo de escapismo ao aire libre e de balde, un proxecto de EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que chegaba esta fin de semana ao seu ecuador e que promete seguir xerando espazos de lecer para coñecer o territorio dun xeito divertido e interactivo ata finais de verán.

O equipo ‘Becky Team’ foi o gañador do escape room centrado no Mosteiro de Oia e que tiña como premio a ‘Experiencia Palacios’, unha visita con guía oficial á Ruta Palacios no Porriño cunha cea con degustación no Xantar de Pepa. Por outra banda, os grupos ‘Botilllo’ e ‘Los Tomiñeses’ foron os gañadores do lote de produtos de apicultura sorteado polo Concello de Oia entre todos os equipos participantes.

As persoas que non puideron asistir esta fin de semana ao encontro en Oia poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 6 de xullo en Gondomar co ‘Conde no Camiño’ como temática central.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.