Arranca en Mos o curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía ‘Namórate de ti’ de Eu Rural

Aprendendo a valorarse cámara en man

Arranca en Mos o curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía ‘Namórate de ti’ de Eu Rural

 

Valorarse máis, coñecerse mellor, comprenderse e aceptarse. Todo isto é o que aprenderán as usuarias que participan dende este luns en ‘Namórate de ti’, un curso dirixido principalmente a mulleres desempregadas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social que busca mellorar a súa autoestima e guialas cara o seu empoderamento utilizando a fotografía como ferramenta.

Durante catro xornadas, as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira ensinarán a todas estas mulleres a quererse a apreciarse a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas de grupo, vídeos e sesións fotográficas con posta en escena das propias participantes. Catro sesións no Pazo de Mos que rematan o 6 de outubro nas que se fomentará tamén a unión social e a cooperación grupal e nas que aprenderán a aumentar o seu amor propio e a xestionar e controlar o estrés.

Como colofón final do curso, as participantes poderán amosar ao público o traballo realizado na exposición final que acollerá o propio Pazo de Mos cunha escolma das fotografías realizadas. A mostra inaugurarase o vindeiro 30 de outubro ás 19.30 horas.

Esta iniciativa foi posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural en colaboración co Concello de Mos, do Centro de Información á Muller (CIM) do municipio e da Fundación Pazo de Mos.