09 Oct Alto da Pousa, unha experiencia turística pioneira en Tomiño
O presidente da Xunta de Galicia e a presidenta de Eu Rural participaron esta tarde na inauguración destes apartamentos turísticos, cos que se busca traer unha nova actividade económica ao rural. A iniciativa foi co-financiada con fondos Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR 14
Seis apartamentos turísticos dunha chave, en estilo rústico e situados dentro dun terreo dedicado ao viñedo propio da zona. Así é Alto da Pousa, un aloxamento rural que ofrece unha experiencia turística pioneira en Tomiño, e que foron inaugurados esta tarde coa presenza de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; de Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta en Pontevedra, e de Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño. Á este acto inaugural tamén acudiu a familia Pousa, propietaria dos apartamentos turísticos, e os arquitectos encargados do deseño, Rubén Martín Vázquez Pérez e Fernando Vicente Solla.
Trátase dunha iniciativa que busca traer unha nova actividade económica ao municipio a través do turismo coa creación de 28 novas prazas de aloxamento. Unha clara aposta polo rural que fai Antía Pousa, “unha muller emprendedora e nova que quere facer do rural o seu medio de vida”, como salientou a presidenta do GDR 14.
Son seis apartamentos de unha ou dúas habitacións, aseo, sala, zona de lavandería, cociña propia e terraza exterior compostos por dous estudos totalmente adaptados para persoas con mobilidade reducida, outros dous pensados para un uso familiar e dous máis que ofrecen un servizo máis destacado con jacuzzi e terraza con vistas ao viñedo. Nestas instalacións faise unha forte aposta polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética, empregando chemineas de pellets e aerotermia.
O proxecto, que conta cun investimento total de case 500.000 euros, foi co-financiado con 200.000 euros con fondos Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR 14, a axuda máxima permitida por iniciativa. No programa actual, o GDR 14 subvenciona varios proxectos vinculados ao turismo rural, entre os máis destacados os apartamentos inaugurados en Figueiró esta tarde e a creación de cabanas do Monte Aloia, en funcionamento dende 2018 e con grande acollida por parte do público. “Esperamos que este proxecto siga os pasos das cabanas do Monte Aloia e sexa tamén un éxito no turismo rural da zona”, asegurou González.
Alto da Pousa compleméntase ademais con outros proxectos co-financiados polo programa Leader na edición 2007-2013, xa que colaborará coa Tapería Carla, situada ao carón dos apartamentos, para ofertar conxuntamente aloxamento e restauración. O obxectivo dos propietarios é, nun futuro próximo, ampliar a oferta turística colaborando con empresas do territorio para crear de forma conxunta experiencias de turismo activo, turismo fluvial ou turismo de natureza.
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural aposta tamén polo turismo como un dos eixos do desenvolvemento económico no rural. Por este motivo, dende 2018 retomou a figura do Xeodestino no territorio, xestionando dende hai dous anos o Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, apostando dende todos os municipios por crear un destino único que englobe aos 14 concellos do sur da provincia de Pontevedra.