22 Nov Alcaldes e alcaldesas achéganse ao proceso participativo para a estratexia de desenvolvemento local de Eu Rural para 2023-2027
Mantiveron un encontro en Gondomar para coñecer as primeiras conclusións deste proceso e algúns dos retos estratéxicos e operativos para o novo período
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural camiña dando pasos firmes na elaboración da súa estratexia de desenvolvemento local para o período 2023-2027. Tras varios encontros multisectoriais con participantes de todo o territorio, as alcaldesas e alcaldes celebraron este martes na Casa da Cultura de Gondomar unha mesa institucional a través da que puideron coñecer as primeiras conclusións extraídas do proceso participativo posto en marcha pola entidade, incluíndo os resultados obtidos ata o de agora na enquisa de diagnose aberta a todos os públicos, unha enquisa aberta a todos os públicos á que se pode acceder a través da páxina web de Eu Rural.
Este encontro contou coa presenza do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, como anfitrión da xornada e de Sandra González como rexedora de Tomiño e presidenta de Eu Rural, así como de Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Ánxela Fernández Callís, rexedora do Rosal e as concelleiras de Emprego, Rocío Goberna, de Gondomar; Julia Loureiro, de Mos e Sari Costas, do Porriño.
Durante a reunión de traballo as rexedoras e rexedores puideron facer as súas propias propostas para perfilar esas primeiras liñas detectadas nas mesas sectoriais, achegando así as necesidades de cada un dos 13 concellos que conforman o territorio. Ademais, o grupo de desenvolvemento rural plantexou a todas e todos os representantes institucionais participantes unha serie de retos estratéxicos e operativos que permitirán esbozar as principais prioridades de actuación durante o vindeiro período.
A través de todas estas mesas de traballo que implican a representantes sociais, económicos e institucionais, Eu Rural busca elaborar unha nova folla de ruta enmarcada no Plan Estratéxico de Política Agraria Común 2023.-2027 que permita abordar do mellor xeito posible o futuro do territorio en cuestións como o emprego, o crecemento económico, o desenvolvemento sostible, a igualdade, a inclusión social ou o desenvolvemento local.