A Xunta aproba o investimento de 1,5 millóns de euros no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Eu Rural e Xunta asinarán un convenio de colaboración para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o investimento de 1,5 millóns de euros no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural asinará coa Xunta un convenio de colaboración para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Xeodestino, ‘A Despensa de Galicia’, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, financiado por fondos NextGeneration EU da Unión Europea.

O Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’ busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía. O plan convértese así nunha oportunidade única para financiar actuacións transformadoras e de calado suficiente como para converter a Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e rendible co que atraer a un turismo de alto valor engadido baseado na calidade e na sostibilidade.

Por outra banda, o plan suporá tamén apoiar á economía local, apostar pola saúde, polo medio ambiente, polo desenvolvemento dos territorios dende a sostibilidade, polo patrimonio, pola cultura, pola profesionalización e a calidade do sector, pola promoción e dinamización conxunta e, sobre todo, apostar polas empresas que do territorio que fan que o destino turístico cada ano sexa mellor, máis respectuoso e de maior calidade.

O PSTD contempla a posta en marcha de diferentes iniciativas centradas en catro eixos de actuación diferentes. Para unha transición verde, o plan impulsará intervencións de rexeneración de espazos de gran valor ambiental, a rehabilitación de infraestruturas turísticas para a súa adaptación ao cambio climático, a mellora da xestión de residuos nas festas gastronómicas ou a creación dunha rede de miradoiros. Nese camiño de sostibilidade e para afondar na eficiencia enerxética, ao abeiro do plan crearanse itinerarios cicloturistas na contorna de recursos gastronómicos, reforzarase a rede de sendeiros homologados e acometeranse proxectos de iluminación monumental de elementos significativos do patrimonio histórico do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Buscando a dixitalización do destino turístico, levaranse a cabo accións para enriquecer e mellorar a interpretación do patrimonio material e inmaterial vinculado á enogastronomía e adoptaranse solucións intelixentes para a mellora da sinalización turística. Ademais, o PSTD pretende canalizar esforzos cara ao sector privado buscando unha maior competitividade e consolidando o turismo como motor do desenvolvemento económico, polo que apoiará aos elos da cadea de valor máis vinculados coa enogastronomía para a súa transformación e para a incorporación da innovación nos seus procesos, co obxectivo de poñer en valor a cociña e os produtos locais. Isto completarase cunha actuación específica de turismo industrial, que fomentará a creación de rutas e experiencias arredor de elementos do patrimonio enogastronómico do territorio.

A enogastronomía convértese neste PSTD na excusa perfecta para aglutinar accións que vertebren un xeodestino tan heteroxéneo como o da Ría de Vigo e baixo Miño, que reúne aos concellos de A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. O plan foi froito dun proceso participativo con reunións con actores dos ámbitos público e privado do ecosistema turístico dos 14 municipios do territorio e mesmo unha enquisa aberta ao público xeral.