A música de The Soul Jacket da o pistoletazo de saída ao proxecto Música e Viño no teu Camiño en Redondela

Soul e rock&roll maridarán cos viños das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona

O evento comezará ás 20.30 horas coa apertura da venta de viños

 

Arranca o proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’. The Soul Jacket será o encargado de dar o pistoletazo de saída ao proxecto este venres 4 de outubro na Praza da Torre de Redondela nun evento no que o soul e rock&roll deste grupo galego maridarase cos viños das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona. O evento comezará ás 20.30 h coa apertura dos stands de venta de viño con DO Rías Baixas, no que todas as persoas asistentes poderán degustar unha copa de viño ou mercar unha botella a prezos populares. Ás 21.00 h o escritor redondelano Manuel Puga será o encargado de dar a benvida ao público e dar paso ao concerto musical.

Música e Viño no teu Camiño é unha actividade impulsada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural beneficiaria do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo é crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que, tras o seu paso por Redondela, recalará en A Guarda e Tui.

Son todo concertos musicais ao aire libre e totalmente gratuítos que funcionarán como eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños con D.O. Rías Baixas das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona.