A esencia da Orixe

“A esencia da Orixe” é un evento que ten por finalidade poñer en valor e reivindicar a actividade agrogandeira e os produtos do noso rural.

 

A actividade realizouse por primeira vez o 19 de novembro de 2023 na aldea de Pitelos, concello de Verea , sendo organizada polos Grupos de Desenvolvemento Rural, Galicia Suroeste Eurural e Limia – Arnoia, e nace coa intención de ser un evento permanente no tempo, no que ambos grupos traballamos en rede coa mesma filosofía, para por en valor o noso rural e a nosa xente.

 

Nesta primeira edición, fomos acollidos pola “Ganadería Nogueiras”, con Marcos á cabeza, a súa compañeira Estela, os seus fillos Hugo e Ana, e o seu pai Antonio, impulsor da gandería nos anos oitenta.

 

Un exemplo de familia, que apostou por traballar e quedarse no rural, comercializar directamente o que producen e coidar o territorio. Comparten con nós a idea de que é fundamental que todos os axentes que formamos parte do territorio traballemos xuntas e xuntos polo futuro das zonas rurais.

 

Quixemos que os nosos produtos locais estiveran presentes defendendo a importancia do sector. Miramos cara ao pasado e cara ao futuro apoiándonos na sinxela idea de aproveitar os nosos recursos como camiño para manter o rural vivo.

Na xente, na terra, no monte, na gandería, na cociña, na artesanía, na música ….. A ESENCIA está na ORIXE.

Documental «A esencia da Orixe» 2023

Galería