30 Ene A Escola Eu Rural leva a Redondela o seu itinerario formativo sobre elaboración artesanal de conservas
Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nesta edición de ‘Coas mans na masa’, que se celebrará en febreiro. As persoas interesadas poden inscribirse tamén nos cursos de O Rosal e Baiona
Aprender a transformar os alimentos de tempada da contorna en conservas artesanais e naturais, obtendo produtos de gran calidade para o autoconsumo. Este é un dos obxectivos de ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural que chega este mes de febreiro a Redondela e para o que aínda quedan prazas dispoñibles. O curso celebrarase os vindeiros días 18, 19 e 20 de febreiro de 16.30 a 20.30 horas e nel poderán participar un máximo de 15 persoas.
Poderá participar neste curso calquera persoa interesada que resida no territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui). O curso será de balde e pode facerse a inscrición premendo aquí ou a través do apartado denominado Escola da nosa web.
Cambio de datas no Rosal
Redondela é o sétimo concello en acoller unha nova acción de ‘Coas mans na masa’, que arrancou en Pazos de Borbén en maio de 2018 e que xa percorreu Tomiño, Mos, Oia e Gondomar. Este fin de semana será a quenda de A Guarda, con todas as prazas completas, e a mediados de febreiro do municipio de Redondela.
As persoas interesadas nalgún destes cursos poden inscribirse para participar no curso que se celebrará no Rosal o vindeiro 11, 12 e 13 de marzo, unha semana antes do inicialmente previsto por un cambio de data realizado por causas de forza maior. Tamén quedan prazas dispoñibles aínda para participar no curso que se celebrará en Baiona o 25, 26 e 27 de marzo.
‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.