A campaña ‘Parte de ti’ de Eu Rural e Xeodestino, entre as 10 mellores propostas de comunicación de España

A campaña ‘Parte de ti’ de Eu Rural e Xeodestino, entre as 10 mellores propostas de comunicación de España

A iniciativa é semifinalista no concurso de proxectos #EuropaSeSiente

Grande éxito da campaña ‘Parte de ti’, unha iniciativa de Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño coa que se busca coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos dos concellos do territorio. Un éxito que sitúa a proposta como unha das 10 mellores campañas de comunicación de España dentro do concurso de proxectos #EuropaSeSiente, unha iniciativa da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Hacienda y Función Pública que busca dar visibilidade e incrementar a concienciación da cidadanía sobre os resultados e o valor engadido do apoio dos fondos europeos.

A campaña chegou á fase de semifinalista na categoría #EuropaSeSiente Cercana para proxectos orientados ao desenvolvemento sostible e integrador de zonas urbanas e rurais. Compite con outros nove proxectos centrados en temáticas tan dispares como a arte paelolítica transfronteiriza, o ecoturisno na Red Natura 2000 en Castela-A Mancha, unha conexión peonil e ciclista, o acondicionamento para servizos psicoeducativos, a remodelación integral dunha área degradada dun conxunto histórico ou a posta en valor de patrimonio natural e histórico. Os proxectos semifinalistas da categoría deberán participar nunha nova fase o vindeiro 26 de febreiro, na que se coñecerán as tres iniciativas que pasarán á fase que se celebrará o 22 de maio de forma presencial en Madrid.

‘Parte de ti’ naceu en 2020 co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias das e dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

A presidenta de Eu Rural, Sandra González, amosouse moi orgullosa de ter acadado esta semifinal “cun proxecto que amosa de xeito claro como cada unha destas persoas que protagonizan os vídeos apostaron por vivir e traballar das zonas rurais para dar o mellor de si mesmos, manter vivo o territorio e darlle un futuro mellor. ‘Parte de to’ é un exemplo de boas prácticas de como empregar os fondos europeos visibilizando nas e nos seus protagonistas que si se poden facer cousas importantes dende o rural”.

O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, xestionado por Eu Rural, e das accións de promoción turística do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.