Galicia Suroeste impulsa un novo produto turístico para poñer en valor o sector primario do Baixo Miño

Galicia Suroeste impulsa un novo produto turístico para poñer en valor o sector primario do Baixo Miño

Unha reunión este xoves en Tomiño con axentes do sector o inicio da creación dun Club de produto turístico que fusiona esta actividade coa enogastronomía da comarca

 

O futuro turístico do Baixo Miño dá novos pasos claves. Galicia Suroeste EuRural mantivo este xoves en Tomiño unha reunión con axentes do sector primario da comarca para traballar na promoción da actividade económica e social do Baixo Miño a través dun produto turístico innovador que teña ao sector como eixo fundamental.

Neste encontro informativo e participativo, a presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, destacou a importancia de crear un produto que non só poida diferenciar ao territorio doutros destinos turísticos, senón tamén reforzar a conexión ente os sectores produtivos e a oferta turística. “O sector primario do Baixo Miño ten moito que ofrecer e queremos implicar a todos os axentes no proceso de crear un produto turístico que poña en valor a nosa terra, a nosa gastronomía e os nosos recursos naturais”, explicou.

A reunión contou coa participación da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), de representantes institucionais e de empresas de diferentes sectores da comarca, como bodegas, viveiros, planta ornamental e flor cortada ou empresas agrícolas e hortofrutícolas. O encontro marcou o inicio dun proceso que ten como finalidade a creación dun Club de produto turístico centrado nas potencialidades da comarca que aborde as necesidade de desestacionalización e diversificación da demanda turística na zona. O proxecto forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’, impulsado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation EU.

“O Club de produto turístico será un marco de colaboración entre empresas de diferentes sectores para crear experiencias que atraian turistas durante todo o ano, xerando actividades complementarias e sustentables que acheguen valor ás infraestruturas do sector primario”, engadiu González.

Este novo modelo de turismo pretende ofrecer ás persoas visitantes unha inmersión real no día a día da actividade produtiva, achegando unha visión integral do proceso e dos recursos da comarca. A finalidade é mellorar a competitividade do territorio ao tempo que se potencia o seu desenvolvemento turístico e económico.

A primeira fase do proxecto será esta toma de contacto coas empresas do sector para implicalas na iniciativa e traballar man a man nesta nova aposta turística. A través deste Club, Galicia Suroeste busca consolidar a comarca como un destino turístico único e diferenciado que poida ofrecer experiencias turísticas sostibles e de alto valor engadido.