Pontes de aprendizaxe entre Galicia Suroeste e Portugal

Pontes de aprendizaxe entre Galicia Suroeste e Portugal

Unha delegación de 26 profesionais de diferentes sectores visita o territorio ao abeiro dun programa de intercambio Erasmus+ organizado pola Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia

 

Galicia Suroeste convértese durante dous días en epicentro de intercambio de experiencias e coñecementos con Portugal. Unha delegación de 26 profesionais de diferentes sectores visita estes días o territorio ao abeiro das actividades de capacitación e formación dun programa Erasmus+  de intercambio con grupos de acción local en Galicia organizadas pola Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia (A2S), unha entidade que busca o desenvolvemento integrado e sostible desta rexión que rodea Lisboa, especialmente no campo da agricultura, a pesca, a artesanía, o turismo ou de calquera actividade que traballe cos recursos endóxenos da rexión e a posta en valor do patrimonio e dos produtos locais.

“Esta visita é unha mostra de como as sinerxías e as aprendizaxes compartidas poden abrir novos camiños para o desenvolvemento rural europeo”, salientou Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño durante a recepción oficial da visita celebrada este martes na Casa Consistorial tomiñesa. “Somos un territorio cheo de oportunidades e ideas e iniciativas como esta permítennos non só aprender dos outros, senón tamén mostrar o noso talento e riqueza”, destacou.

A visita da delegación portuguesa arrancou este luns en Tui, onde as e os participantes puideron coñecer a Catedral e o centro histórico antes de ser recibidos no Concello polo alcalde da vila, Enrique Cabaleiro; pola tenente de alcalde Ana Núñez e pola concelleira de Cultura Sonsoles Vicente. Unha primeira toma de contacto co territorio que permitiu abrir boca para a unha intensa xornada de traballo deste martes, que comezou coa recepción institucional no Concello de Tomiño para dar paso a un encontro centrado en coñecer o traballo que Galicia Suroeste está a desenvolver nos diferentes municipios e os sectores clave do territorio.

Entre as experiencias visitadas, destacou a visita ao viveiro Río Tollo e á cooperativa comercializadora Coplant Galicia, dous referentes do sector viveirista, unha das actividades económicas máis importantes da comarca. A xornada pechouse co aroma e a tradición do pan do Porriño grazas a unha visita ao seu laboratorio de produción e cun encontro co alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo.

A delegación portuguesa está integrada por membros da propia A2S, da Câmara Municipal de Mafra, da Escola Secundária José Saramago, da União de Freguesias Igreja Nova e Cheleiros, da Associação de Pescadores Proficionais da Ericeira, da Câmara Municipal de Mafra, da União de Freguesias Azueira e Sobral da Abelheirae e de empresas privadas, entre outras entidades. As súas e os seus integrantes destacaron o valor das visitas realizadas como ferramenta para enriquecer tanto aos participantes como aos territorios percorridos.

Con este intercambio, Galicia Suroeste reafirma o seu compromiso de seguir tendendo pontes para o crecemento sostible, apostando pola colaboración transfronteiriza e polo futuro das zonas rurais. «Este tipo de encontros son claves para facer fronte aos desafíos do mundo rural. Compartimos valores, recursos e solucións para crecer xunta e xuntos», concluíu a presidenta.